O CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar participará no V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vai celebrar o vindeiro xoves día 2 de decembro o seu quinto Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de ensino da provincia de Pontevedra que, ao igual que o ano pasado, celebrarase de maneira telemática por mor da pandemia.

A xornada escolar servirá para poñer en común o traballo feito nas escolas sobre compostaxe, facer avaliación e comprobar os resultados dos diferentes proxectos, feitos da man e baixo a supervisión do persoal técnico do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Son numerosos os centros de ensino da provincia que reciben formación e actividades para as e os escolares, coñecendo pautas para a prevención e manexo dos residuos urbanos en xeral e da compostaxe da fracción orgánica en particular, pero son apenas só catro os seleccionados pola singularidade das súas iniciativas.

Un dos aspectos máis importantes do programa educativo do Revitaliza que se desenvolve nos colexios e nos institutos e a visión protagonista do alumnado, que ten a súa máxima expresión nos encontros anuais como o que se vai celebrar o xoves, onde a exposición dos resultados correrá da voz dos seus protagonistas: as e os estudantes.

Os centros que farán presentacións a través de vídeos gravados nesta edición serán o CEIP Froebel de Pontevedra, o CEP Riomaior de Vilaboa, o CEIP Domaio de Moaña e o CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar.

Durante a xornada haberá tamén unha exposición do programa educativo do CEIDA e dos resultados acadados en 2021, un relatorio do traballo feito durante o verán para axudar á conciliación en tempos de pandemia coa participación de obradoiros e actividades sobre compostaxe nos campamentos de verán municipais, unha mesa redonda co persoal educador do programa, e tamén a proxección dun vídeo sobre o programa educativo do Revitaliza no “XXXIII Seminario Interuniversitario de Pedagoxía Social: Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade: construíndo a transición ecolóxica”.