A Área Sanitaria de Vigo ten o rexistro de doadores de órganos máis alto de Galicia

A Área Sanitaria de Vigo ten rexistradas 32.792 tarxetas de doadores de órganos, dato que a confirma como a área galega con maior número de doadores, un 27,4% do total de Galicia. Así se puxo de manifesto no acto celebrado no Álvaro Cunqueiro, con motivo da inauguración da exposición itinerante de traballos premiados no III Concurso de Carteis para escolares relacionados coa doazón e transplantes, organizado pola Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI). Neste certame participaron 265 estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO, procedentes de 12 centros galegos.

O acto inaugural contou coa presenza do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o responsable de Coordinación de Transplantes de Vigo, Lucas Lage e o presidente da Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), Celso García. Tamén estiveron as dúas gañadoras deste Concurso da Área de Vigo xunto aos seus profesores. Na categoría de Educación Primaria, Naiara Álvarez Silva, do CPI de Cova Terreña de Baiona gañou o 2º premio co seu lema “Doar é a bomba”; e na categoría de Educación Secundaria, Nerea Barros Vidal do CPR Montesol de Vigo, tamén levouse o 2º premio co lema “Fai da doazón a túa melodía”.

No transcurso deste evento, o xerente da Área Sanitaria, Javier Puente, agradeceu o traballo realizado pola Asociación ADROVI na captación de doadores, e que explica en gran parte os bos datos acadados e que a cifra de doadores medre progresivamente ano tras ano. Así mesmo felicitou ás gañadoras deste certame e aos seus docentes e subliñou o compromiso da comunidade educativa neste eido, “xa que están a realizar un gran esforzo para concienciar e sensibilizar aos nosos mozos e mozas da importancia deste xesto para que entre todos podamos construír unha sociedade máis solidaria”.