Xornadas Micolóxicas e gastronómico-festivas en Couso

O shiitake, cogomelo milenario asiático, considerado coma o “Elixir da vida” é un dos cogomelos máis cobizados e apreciados tanto por gastrónomos de padal esixente, coma por naturópatas polos múltiples efectos beneficiosos para a saúde (hipertensión, protección hepática…).

Montes de Couso, entidade pioneira no cultivo deste cogomelo en Galicia, promove para os días 27 e 28 de novembro unhas xornadas cun programa que contempla a saída ao campo, exposición, charlas con expertos en micoloxía, palestras prácticas de gastronomía dirixidas por tres cociñeiros, degustación e magosto con final de festa, amenizado pola charanga “Vai de Baile”.

Non só se trata de saciar a curiosidade de seareiros ou inexpertos da micoloxía. Trátase dun proxecto global, enmarcado na filosofía do aproveitamento muntifuncional que propicia dende hai anos a Comunidade de Montes de Couso. Este cogomelo en plena produción na leira de As Rasas é unha alternativa económica ao eucalipto e outras especies invasoras, que fixa poboación no rural.

Este prezado manxar producido en Couso, propicia a soberanía alimentaria, ao evitar importacións masivas desde a China, coa consecuente negra pegada de carbono producida polos transportes desde latitudes do Extremo Oriente, ou en menor medida desde A Rioxa ou Portugal. Unha forma de entender economía e a compra de alimentos nas proximidades do seu cultivo e produción. Unha filosofía de compras de Km 0 que favorece a sostibilidade do planeta. Un xeito de traballar ou entender a vida que ten sido recoñecido e distinguido pola ONU aos comuneiros de Couso.

As xornadas terán lugar na Casa Veciñal de Couso e as persoas interesadas poden inscribirse en https://montesdecouso.gal/produto/suscripcion-xornadas-micoloxicas/. O prezo é de 12€ para a xornada do sábado pola mañá e as prazas son limitadas. O domingo ao medio día poderanse degustar tres tapas diferentes polo prezo de 3 sabias ou euros/tapa, e polo serán haberá magosto de balde.