Ribera Povisa, primeiro hospital privado de España que implanta a reciclaxe de iodo

O hospital Ribera Povisa é o primeiro hospital privado de España en implantar o proceso de reciclaxe de iodo, un material que se utiliza en Radiodiagnóstico como medio de contraste para mellorar a visibilidade dos estudos diagnósticos por imaxe. Tamén é o primeiro centro sanitario de Galicia en aplicar esta iniciativa, que permitirá reutilizar este recurso non renovable tan demandado no ámbito hospitalario.

A iniciativa comezará a aplicarse a próxima semana en colaboración coa empresa GE Healthcare, que distribuíu contedores específicos con capacidade para tres litros de iodo e que, unha vez cheos, encargarase de recoller e reciclar os medios de contraste sobrantes que, doutro xeito, refugáronse.

“O iodo utilízase como medio de contraste no TAC, en Radioloxía Intervencionista e nalgúns estudos que se realizan con equipos de Radioloxía. Ata o de agora, o material sobrante non contaminado que quedaba ao final da xornada refugábase sen máis e agora poderemos reciclalo”, explicou Maruxa Centeno, coordinadora de Radiodiagnóstico.

Centeno participou esta semana nunha charla na que se instruíu aos profesionais sanitarios que traballan con iodo na reciclaxe deste elemento, un proceso moi sinxelo a través dos contedores repartidos nos diferentes servizos.

Na sesión formativa tamén interveu a responsable de Loxística do hospital, Mara Sanmartín, que subliñou que esta iniciativa é un paso máis dentro da política de xestión de residuos cada vez máis eficiente do centro e que inclúe uns ambiciosos obxectivos de sustentabilidade. “O máis importante é separar ben en orixe e para iso contamos con contedores habilitados para cada un dos residuos que debemos separar para que posteriormente poidan ser xestionados”, remarcou Sanmartín, que fixo fincapé na importancia de fomentar a economía circular.

O iodo é un recurso non renovable cunha demanda global anual de máis de 30 millóns de quilogramos dos que apenas se recicla o 18 por cento. É o compoñente principal dos medios de contraste inxectables para exames clínicos e tamén se emprega directamente na produción de diversos fármacos. Na área industrial, úsase en diversas aplicacións como os desinfectantes para a industria leiteira, biocidas para pinturas, tratamentos de madeiras, herbicidas, etc. Practicamente o 90 por cento da produción mundial de iodo extráese en Chile (56%) e Xapón (31%).