Nigrán contrata a 18 peóns forestais do municipio a través do Plan Concellos da Deputación

O Concello de Nigrán incorporou onte a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a 18 peóns forestais a xornada completa durante 8 meses (a maiores, dentro desta mesma subvención, xa iniciaron o seu traballo dous conserxes para os colexios). Todos eles son veciños do municipio que se atopaban en situación de desemprego.

“Agora, máis que nunca, é preciso xerar emprego entre a veciñanza, é un asunto prioritario» sinala o alcalde, Juan González, quen engade que hoxe mesmo iniciaron o seu traballo rozando as marxes do río Muíños ou o parque de Poutón en Vilariño. Así, estas brigadas contribuirán de xeito claro á mellora dos servizos municipais, ademais de que a súa contratación permitirá aumentar a súa capacitación profesional, o que facilitará a súa incorporación ao mercado laboral ordinario unha vez que rematen no Concello.

O proceso selectivo, que se levou a cabo a través da oficina de Baiona dentro da máis absoluta transparencia e respectando escrupulosamente as medidas Covid-19, foi acorde ás bases establecidas, dándose prioridade ás vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixas ou ás que teñen cargas familiares.

Entre as labores que desenvolverán a xornada completa atópase a conservación dos bens municipais, o mantemento das estradas, camiños e roteiros en perfecto estado, poda de árbores ou arbustos, a protección do medio ambiente ou a preservación das instalación escolares ou zonas verdes.

A elección deste perfil fundaméntase na necesidade do Concello de manter axeitadamente os servizos municipais nun tipo de áreas no que o persoal fixo do Concello resulta insuficiente. O obxectivo paralelo é que os beneficiarios melloren a súa capacitación e, con elo, as posibilidades de incorporarse ao mercado de traballo ordinario tras rematar no Concello.