
Un veciño de Nigrán de 62 anos de idade perdeu a vida esta mañá ao saírse da vía o camión no que circulaba e chocar contra un poste no termo municipal pontevedrés de Tui. Os feitos sucederon no punto quilométrico 26 da A-55, en sentido a Vigo, ao fío das 7:30.
Foi, a esa hora, cando o 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través dunha persoa particular e, de xeito inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Porriño, de Protección Civil e do servizo de mantemento da autovía.
O semirremolque que arrastraba o camión saíuse da vía e impactou con varios vehículos ao invadir o carril esquerdo do sentido contrario. Como consecuencia, permaneceron cortados á circulación os dous carrís sentido Vigo e o carril esquerdo sentido Tui.
Os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Porriño excarceraron á vítima mortal. Efectivos do Destacamento de Tráfico e da Garda Civil de Porriño regularon a circulación con desvíos alternativos.