“Paco Ferreira non dá explicacións e réstalle importancia ao polígono de A Pasaxe”

No pasado pleno do mes de outubro o Partido Popular de Gondomar presentou unha moción solicitando a comparecencia do alcalde para dar explicacións sobre a paralización da urbanización do polígono industrial de A Pasaxe en Vincios. Como esta moción non foi debatida nese pleno, o alcalde levou un punto na orde do día do pleno celebrado este xoves incluíndo no mesmo tanto a moción presentada polo Partido Popular como unha solicitude de comparecencia presentada tamén no pleno anterior polo BNG. A sorpresa chegou cando unha vez aprobada a comparecencia o alcalde anunciou que a comparecencia se produciría no seguinte pleno de decembro.

A voceira do Partido Popular matizou que “o Sr. Ferreira facendo uso da demagoxia que o caracteriza argumentou que ía comparecer por iniciativa propia, cousa que non é certa xa que o vai facer porque llo solicitaron os concelleiros da oposición. Si realmente quixera comparecer o faría xa neste pleno”.

O pasado mes de novembro o pleno da Corporación municipal de Gondomar aprobou por unanimidade a proposta da concelleira de Urbanismo sobre o Proxecto de Urbanización da Pasaxe e a memoria xustificativa para a contratación das obras de Urbanización Fase I do Proxecto Sectorial de A Pasaxe, como culminación de todo un proceso de legalización do polígono industrial cuxo proxecto sectorial foi aprobado definitivamente no ano 2016. Xa no mes de febreiro a asociación AGAPA (Afectados Garrida Pasaxe) anunciou que viña de presentar un recurso contencioso-administrativo contra o acordo do Pleno do Concello de Gondomar de aprobación da urbanización de A Pasaxe. Ante estas noticias e a incerteza creada, o Partido Popular presentou no pleno de abril unhas preguntas relativas a este asunto, sendo contestadas polo Alcalde no pleno de xullo, indicando que todo estaba correcto e non había nada polo que preocuparse.

No mesmo día no que o pleno do mes de setembro ía adxudicar as obras, o alcalde anunciou que retiraba o asunto da orde do día ao ter coñecemento da decisión xudicial que obrigaba a dar marcha atrás a todo o proceso de adxudicación. Dende ese día o alcalde non deu mais explicacións nin informou dos pasos que había que dar para volver adxudicar as obras polo que os membros da oposición, preocupados polo futuro do polígono industrial, solicitaron ao alcalde que compareza para dar as explicacións precisas.

“O alcalde manifestou ao remate do punto que había outros puntos máis importantes no pleno que o polígono de A Pasaxe, cousa que non compartimos, xa que para o Partido Popular o desenvolvemento do polígono é esencial para futuro do concello de Gondomar e os seus veciños e o que fai este goberno municipal é mostrar a súa incompetencia e desinterese polo futuro do noso concello”, denuncia Paula Bouzós.