Paula Bouzós acusa a Paco Ferreira de volver mentir ao pleno sobre o Camiño da Serra en Vincios

A voceira do Partido Popular de Gondomar acusa ao alcalde, Francisco Ferreira, de volver mentir unha vez máis ao pleno sobre o Camiño da Serra en Vincios, cuxo arranxo foi comprometido e aprobado polo rexedor na sesión do pasado mes de xuño.

O Partido Popular presentou unha moción ao pleno de xuño sobre o arranxo dun camiño que vai dende o barrio da Serra ata o colexio de Vincios debido ás demandas dos veciños e sobre todo polo intransitable que está no inverno, toda vez que por alí van os rapaces ao colexio. Na moción defendida polo concelleiro do PP, Julio Fernández, tamén veciño de Vincios, expúñase que presentaban a moción debido á falta de resposta ás preguntas que o Partido Popular presentara no pleno de xuño e solicitaba unha actuación urxente no camiño de cara a facelo transitable. A pregunta feita na sesión do mes de abril e que non foi contestada ata o mes de xullo indicábase que “En Vincios veciños e pais de alumnos levan máis dun ano reclamando (solicitado por rexistro) o arranxo do Camiño de A Serra que vai ao colexio, que no inverno está totalmente intransitable para os cativos que van ao colexio. Ten pensado o goberno municipal arranxar este camiño? En caso afirmativo, cando está previsto executar?”. Nas respostas o alcalde afirmaba que tiña pensado arranxar todos os camiños do concello e que o faría o antes posible.

“Ante esta moción o alcalde afirmou que podíamos estar tranquilos, que ese camiño íase arranxar pero non porque o pedía o Partido Popular, senón que porque el e o concelleiro de Obras, o Sr. Chamorro, xa o tiñan previsto”, apunta Bouzós, quen asegura que as obras de asfaltado do Camiño da Serra comezaron a semana pasada e na execución destas obras non está previsto ningunha actuación no camiño que o alcalde afirmou en pleno que se ía arranxar. O PP de Gondomar pídelle ao alcalde e ao concelleiro de obras que cumpran a súa palabra e fagan transitable o camiño como se comprometeron ante o pleno.

“Unha vez máis o Sr. Ferreira volve mentir á Corporación Municipal ao afirmar no pleno que ía arranxar o camiño que vai da Serra ao colexio de Vincios cando se fixeran as obras de asfaltado no Camiño da Serra incluído no Plan concellos e agora que están executando ese camiño a empresa afirma que o citado camiño non está incluído nas obras que vai facer. A mentira e a demagoxia, aparte da falta de xestión e o gobernar por impulsos estanse a converter en algo habitual deste goberno municipal, e iso nos preocupa moito porque os que pagan as consecuencias son todos os veciños de Gondomar”, remata dicindo Paula Bouzós.