Baiona abre o prazo para participar no escape room contra a violencia de xénero

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre o prazo para presentar a solicitude para participar no escape room contra a violencia de xénero que se desenvolverá o domingo 14 de novembro ás 16:30 horas na Praza do Concello e no casco vello. A actividade é gratuíta e subvencionada cos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, no marco da Resolución do 8 de setembro de 2021 da Secretaria de Estado de Igualdade de transferencias para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercicio 2021, e enmárcase no IV Plan Municipal de Igualdade entre Mulleres e Homes do Concello de Baiona.

O obxectivo da actividade é promover valores sobre igualdade e violencia de xénero. Trátase dunha actividade que combina a aprendizaxe e o traballo colaborativo xa que se necesita o traballo de todo o grupo para ir resolvendo as distintas probas. A actividade vai dirixida ao público xeral (familias con crianzas, persoas adultas, crianzas con autorización das persoas responsables…) se ben está recomendada a partires de 12 anos en diante debido aos coñecementos necesarios (culturais, de estratexia…) aínda que non é excluínte. Trátase dunha actividade que se desenvolve en grupos. Os grupos deberán integrarse cun mínimo de 3 persoas e un máximo de 5. Poderán participar 15 grupos como máximo.

Colaboran coa Concellería de Igualdade na actividade a Bocatería Manduca e Baioca. As persoas interesadas en presentar a solicitude poden facelo dende o martes 2 ata o martes 9 de novembro a través da sede electrónica ou no rexistro do Concello. As bases e anexos correspondentes poden descargarse do taboleiro virtual ou da páxina web do Concello. Para calquera dúbida ou solicitar as bases poden contactar de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas no teléfono 690 365 933 e de luns a xoves en horario de tarde dende as 16:30 ata as 19:30 horas.