Gondomar lidera accións conxuntas contra “A Paraguda”, novo proxecto eólico que ameaza o Galiñeiro

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, presidiu este xoves unha reunión co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns, Alfonso Misa, e representantes de distintas asociacións ecoloxistas da zona, así como da Comunidade de Montes de Peitieiros, cuxos terreos se verían afectados pola localización de muíños eólicos, “algo que non estamos dispostos a aceptar. Defenderemos a nosa contorna natural como ata o de agora”, manifestou o rexedor gondomareño.

A postura é unánime entre todos os asistentes a este encontro que desde fai máis de dez anos veñen facendo fronte común ante o Rexistro Eólico de Galicia e as diferentes propostas que as industrias do sector quixeron levar a cabo, ou teñen aínda sobre a mesa. A última sorpresa é o proxecto “A Paraguda”, parque eólico previsto para os montes de Gondomar e Tui, na mesma entrada do Parque Natural do Monte Aloia.

O proxecto, aínda en proceso de admisión por parte da Xunta de Galicia, contempla a colocación de 4 muíños en Gondomar e 4 en Tui, preto do núcleo de Malvas. Torres de 112 metros de altura e 137 de diámetro, ás que se sumarán instalacións complementarias como unha subestación eléctrica e unha estación meteorolóxica.

“En Gondomar non vai haber parques eólicos sen análisis previo do seu impacto ambiental e sen o consenso social necesario, díxeno antes e dígoo agora”, sinalou Francisco Ferreira, que unha vez máis lamenta que por parte da Xunta non se conte cos municipios e valoren as súas posturas respecto a proxectos tan nocivos para a súa contorna.

“Traballamos polo medio ambiente e a sustentabilidade, non estamos en contra da enerxía eólica pero sí destes aeroxeradores que teñen un impacto ambiental fortísimo chegando a afectar mesmo ás escorrentías, leitos ou á fauna e flora”. Lembrou que na defensa da nosa contorna natural “seremos moi firmes”.

No encontro o voceiro da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro e un representante da directiva de Montañeiros Celta, expuseron o que supoñería a aprobación do novo proxecto recollido no Rexistro Eólico de Galicia para o futuro destas paraxes naturais.

Voces ás que se sumaron as dos representantes da Entidade Local Menor de Morgadáns e a Comunidade de Montes de Peitieros, parroquias que se verán directamente afectadas polo proxecto “A Paraguda”. Tanto eles como os representantes políticos fixeron fincapé no feito “de frealo agora que está ao comezo de calquera tramitación; deixar claro que non estamos dispostos a permitir a instalación dun parque eólico nos nosos montes”.

Accións a desenvolver

O encontro tamén serviu para expoñer que pasos dar e que medidas de presión adoptar de forma conxunta para “demostrar que a nosa palabra e posición son firmes e que tal e como dixemos no seu día, non queremos parques eólicos no Galiñeiro, na Groba ou no Parque Natural de Aloia”, recalcou Paco Ferreira, postura que tamén ratificou o seu homólogo en Tui, Enrique Cabaleiro.

Ambos sinalaron que desde a administración realizarán todo o que estea nas súas mans para evitar que este proxecto progrese e apoiar as demandas que desde as plataformas ecoloxistas veñen realizando dende hai tempo. Non descartan a elaboración dunha moción conxunta para ser ratificada nos plenos da corporación de senllos concellos.

Ademais, sobre a mesa tamén se barallaron outras opcións como a presentación de alegacións, recollida de firmas, mobilizacións e a unión e implicación coa loita dos concellos de Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e Tomiño, contra o proxecto “Albariño I”, declarado “urxente” e “prioritario” pola Xunta de Galicia e que implicará a colocación de 27 muíños en 5 parques en total.

“Defender a nosa contorna natural é un obxectivo común polo que nos manteremos unidos. Freamos no seu momento o proxecto previsto para o Galiñeiro e agora evitaremos que siga adiante a tramitación deste novo parque eólico do goberno galego, que unha vez máis nos mantén á marxe de cuestións que afectan de forma directa aos nosos municipios e os seus habitantes”, concluíu Paco Ferreira.