Telefónica promove mediante un concurso a cultura de ciberseguridade nos colexios

Telefónica promove dentro do Encontro Galego de ciberseguridade o primeiro concurso “Ciberseguridade no cole!” para alumnos de 10 a 14 anos. A convocatoria está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO, e o prazo de inscrición para participar estará aberto ata o día 29 de outubro ás 12:00 da mañá.

O obxectivo do concurso é fomentar a concienciación en materia de ciberseguridade no ámbito escolar e facilitar que os alumnos adquiran os coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais, ademais de promover unha cultura de ciberseguridade entre os adolescentes.

O concurso conta cunha primeira fase clasificatoria en liña que será celebrada o día 4 de novembro e unha final presencial o día 10 de novembro ás 16:00h., na que participarán os 3 mellores clasificados nas categorías de Primaria e Secundaria.

Para poder participar no Concurso os Centros Educativos de Educación Primaria e/ou Secundaria deberán inscribirse nun formulario vía web na seguinte ligazón, dispoñible antes do día 29 de outubro ás 12:00h. Os centros educativos participantes no concurso e que rexistrasen correctamente o formulario serán informados vía correo electrónico cos detalles da súa participación e os requisitos técnicos (equipo informático con conexión a internet) necesarios para a primeira fase inicial en liña do concurso, que se celebrará o día 4 de novembro de 2021. Será requisito necesario rexistrarse utilizando un correo electrónico do propio centro escolar para validar a súa participación. Posteriormente daranse a coñecer os 3 equipos finalistas de cada categoría (Primaria e Secundaria), que serán convidados a participar na fase final presencial que se celebrará o día 10 de novembro de 2021 durante o evento do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, onde serán anunciados os gañadores.

Os detalles máis relevantes do concurso e as súas bases legais poden consultarse no portal da Consellería de Educación na seguinte ligazón.

Esta actividade promovida por Telefónica enmárcase dentro do “Encontro Galego de Ciberseguridade”, que se celebrará os días 10 e 11 de novembro de 2021 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. No encontro, promovido e organizado polo nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, ademais deste concurso destinado aos escolares realizaranse outras actividades de interese para as familias. Para consultar o detalle do resto de actividades pódese acceder ao programa aquí. Proximamente abrirase a inscrición para o resto de actividades do evento.

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal é unha estrutura de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade, fundada pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as catro deputacións galegas, a FEGAMP, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e o Centro Criptolóxico Nacional (CCN). Un dos seus obxectivos fundamentais é concienciar sobre a importancia da ciberseguridade, motivo polo que organiza o Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal os días 10 e 11 de novembro de 2021 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.