O vigués Pablo Pazó e o gondomareño Ezequiel Salgueiro, gañadores do Rallye Rías Altas Histórico

O Campionato de España de Rallyes para vehículos históricos volvía visitar Galicia un ano máis, en concreto a cidade da Coruña, para unha nova edición, a sétima xa, do Rallye Rías Altas Histórico, que reunía a un total de 77 participantes entre Velocidade e Regularidade, os cales tiñan que afrontar unha carreira que non presentaba ningunha modificación, en canto a formulación e percorrido, respecto ao visto o ano anterior. De novo, dous eran os días de competición e os 106,42 quilómetros cronometrados que sumaban os tramos de Doroña, Monfero, Irixoa e Aranga eran completamente un calco do percorrido da última edición.

A loita contra o cronómetro comezaba á primeira hora tarde do venres 8 de outubro e desde un primeiro momento dous foron os pilotos que destacaron sobre os demais. Por unha banda, o vigués Pablo Pazó, acompañado do gondomareño Ezequiel Salgueiro no asento da dereita do Talbot Sunbeam Lotus e por outro, Jesús Ferreiro, con Javier Anido nos labores de copilotaxe do Ford Escort RS 2000 MKII. Ninguén podía seguirlles o ritmo e despois dos dous primeiros tramos ambos estaban separados por apenas cinco segundos pero o terceiro clasificado, Antonio Sainz, cedía xa máis de medio minuto.

A partir de aí, Pazó e Ferreiro non fallaron en ningún momento e impediron aos demais participantes do Nacional de Históricos sumar algún scratch na clasificación combinada de Pre-81 + Pre-90. Catro tramos gañounos o pontevedrés e os outros catro acabaron en mans do melidense. Finalmente, o intenso toma e daca decantouse en favor de Pablo Pazó e Ezequiel Salgueiro, que levaron a vitoria por pouco máis de cinco segundos, o que converte á sétima edición do Rallye Rías Altas como a máis axustada.