Baiona ratifica o seu compromiso coa Asociación Avelaíña coa firma dun novo convenio

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a presidenta da Asociación Avelaíña, Fernanda Orduna, renovaron este luns o convenio de colaboración asinado por primeira o pasado ano polo que a asociación recibirá unha subvención do Concello para dar información e asesoramento aos veciños e veciñas do municipio que o precisen. “Este ano vólvese a rubricar o noso compromiso con esta asociación que desenvolve unha actividade e un labor tan importante para os veciños e veciñas do municipio”, destaca o rexedor. A Presidenta da Asociación expresou o seu agradecemento ao Concello de Baiona polo seu compromiso coa renovación da firma deste convenio e pola achega económica.

Na firma tamén estivo presente a concelleira de Servizos Sociais, Conchy Vara. Ambos queren deixar constancia do gran traballo prestado por Avelaíña durante a pandemia (confinamento), apoiando e traballando constantemente coa cidadanía de Baiona mediante intervención telefónica e teleasistencia. O Concello de Baiona e a Asociación Avelaíña viñeron realizando un traballo conxunto de observación e detención na etapa COVID (confinamento). Tanto o Alcalde como a concelleira, como a Área de Servizos Sociais, Accesibilidade e Mobilidade, en contacto e colaboración directa con Avelaíña, albiscou un gran problema de asistencia sanitaria e profesional nos veciños (nenos e nenas, persoas mozas, persoas maiores…), en definitiva en toda a poboación.

Gómez e Vara teñen un profundo coñecemento das trabas coas que se atopan estas persoas á hora de acudir aos profesionais correspondentes, xa que o recurso para a vila atópase no Centro de Saúde do Val Miñor, cun equipo escaso de persoal, sendo as citas programadas como mínimo con dous ou tres meses, “creando así un detrimento na atención destas persoas, aínda que grazas a asociacións como Avelaíña pódense paliar os casos máis leves, mantendo unha relación de traballo conxunta con bo resultado, pero insuficiente”, sentencian ambos.

O Alcalde e a presidenta asinaron o documento que oficializa a alianza municipal cunha Asociación que conta con máis de 20 anos de experiencia ao servizo da saúde mental. Naceu en 1997 na Guarda, pero o proceso de expansión da Asociación continuou pola comarca do Val Miñor, ante a necesidade de usuarios e usuarias que se desprazaban ata alí, para recibir atención. Tras pasar por diversos enclaves (Gondomar, Nigrán e Ramallosa) e unha gran serie de xestións e contactos, no ano 2013 Avelaíña solicitou á Tesourería Xeral da Seguridade Social o local situado na Casa do Mar de Baiona. A súa cesión supuxo a estabilización das actividades, como Centro de Rehabilitación Psicosocial na comarca do Val Miñor, configurando un servizo e unha nova sede de traballo que se manteñen ata a actualidade.

O Alcalde destaca que “coa renovación deste convenio, o Concello recoñece o labor desta asociación e apoia a súa acción social. Tamén, téntase paliar dalgunha forma o detrimento do servizo que reciben estas persoas a través do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O Consistorio apoia o traballo constante que realiza a Asociación Avelaíña en beneficio da saúde mental. Temos un compromiso coa atención ás persoas con distintas necesidades neste campo e comprometémonos a seguir colaborando en anos vindeiros”.

Coa firma do primeiro convenio entre o Concello de Baiona e Avelaíña o ano pasado, púxose en marcha un novo servizo para tratar de dar resposta ás demandas da poboación en relación á Saúde Mental, mellorando así a súa calidade de vida. O servizo que vén realizando Avelaíña de forma permanente na zona do Val Miñor, viuse incrementado ante a situación de crise sanitaria do COVID-19.

Persoas beneficiarias

Os beneficiarios directos desta atención poden ser calquera persoa con necesidades de información en saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera cidadán ou cidadá do Concello de Baiona. As persoas usuarias poden acceder ao servizo por iniciativa propia ou por derivación doutros recursos sociocomunitarios: Servizos Sociais do Concello, Centro de Saúde, etc. Accederán ao servizo despois de ser contactadas pola profesional de referencia de Avelaíña, que establecerá unha primeira cita.

A Asociación na súa sede de Baiona ofrece os servizos de Respiro Familiar, Acompañamento Integral, Xestión e Tramitación, Atención Domiciliaria, Orientación e Integración Laboral, Información e Asesoramento, Escola de Familias, Proxecto de Promoción da Autonomía Persoal en enfermidade mental grave, Proxecto VOZ Natura. A Asociación conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial, con prazas concertadas co Servizo Galego de Saúde (SERGAS).