O alumnado do CEE Panxón organiza o “I Toleamos Rock Festival”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación do I Toleamos Rock Festival.

O alumnado do CEE de Panxón ofrece este sábado co apoio do Concello de Nigrán o “I Toleamos Rock Festival”, un evento musical aberto ao público polo que desfilarán dende as 19:30 horas o “Heredeiros da Crus” Javi Maneiro, Mushu, Rockestra (do IES Proval) e The Alta Nota (do propio colexio). O festival, organizado integramente polos alumnos dentro do seu proxecto educativo, terá lugar no exterior do centro (Camiño dos Lagos, ao carón do Templo Votivo de Panxón) e dará comezo ás 19:00 horas coa apertura de portas (a hora de remate estimada será ás 22:00 horas). A entrada é de balde, pero os alumnos poñerán á venda merchandising e comida, todo elaborado por eles, cuxo beneficio irá destinado á asociación de axuda a nenos oncolóxicos “Bicos de papel”. Os rapaces, coa presenza do alcalde de Nigrán, o director do centro, e unha representante de Bicos de Papel, presentaron esta mañá aos medios o festival.

«Ten un fin solidario pero a propia organización do festival é un proxecto educativo que se enmarca no noso xeito de traballar. A través destas iniciativas aprendemos a vivir, a superar erros, a traballar en equipo e a sensibilizarnos co resto da sociedade», sinalou Rafael Lores, director do CEE Panxón, colexio fundado no 2008 e un dos dous únicos de Galicia dedicado a alumnado con trastornos graves de conduta e que actualmente ten as súas 20 prazas cubertas en réxime de internado de luns a venres con nenos de toda Galicia (10 de Educación Primaria e 10 de Educación Secundaria Obrigatoria). De feito, dende hai un cinco anos traballan exclusivamente por proxectos, sen libros de texto, con metodoloxías activas e participativas que fomentan o pensamento crítico, a creatividade, as habilidades sociais, as capacidades lingüísticas, o razoamento matemático e o método científico. Así, este ano repiten o seu proxecto de restaurante aberto ao público (elaboran e serven as comidas eles mesmos) e engaden a completa organización do festival Toleamos (dende o deseño da cartelería ata a elaboración e venda do merchandising, comida que se poñerá á venda, busca de patrocinios, distribución dos espazos, concerto de The Alta Nota formado por alumnos…).

«Para o Concello de Nigrán é un orgullo participar no festival e estamos moi agradecidos de que todos os alumnos se involucrasen neste proxecto curricular solidario e educativo aberto á participación de toda a veciñanza», engadiu Juan González, alcalde de Nigrán e quen recentemente entregou ao CEE Panxón o “Premio Nigrán 2018 ao Mérito Educativo”.

GRUPOS PARTICIPANTES NO “I TOLEAMOS ROCK FESTIVAL”

Maneiro leva máis de 25 anos compoñendo e cantando. El mesmo defínese como pai de familia numerosa pola súa participación en Heredeiros da Crus, con quen actualmente segue en activo, e en Xabón Blue, un proxecto no que xa se puido atisbar a personalidade musical irresistible de Javi. En total 12 discos de estudo ás súas costas, que lle conferiron a seguridade para enfrontarse á súa primeira aventura en solitario. O seu último traballo, “Furtivos”, responde á actitude vital coa que Maneiro confrontou as súas composicións.

A ROCKestra Proval nace en outubro de 2017. Está formada por 36 alumnas/os do IES Proval dos dous niveis educativos da ESO, bacharelato, ciclos formativos e ESA. Este proxecto contempla fomentar a expresión artística e cultural a través da música de maneira que os estudantes poidan sentir a experiencia de seren músicos. O repertorio abrangue cancións actuais e míticas da historia da música pop e rock e pezas orixinais de percusión con material reciclado.

The Alta Nota empezou no ano 2014 da man do profesor do CEE de Panxón Chema Castelló, quen ante o progreso e implicación dun grupo de alumnos de diferentes idades nas clases de música ofrécelles a posibilidade de xuntarse como banda. Nos últimos anos participou en diferentes eventos como Talento 3.0 en 2015 ou a Feira de Proxectos Piteas do 2017, ademais de celebracións sinaladas dentro do centro. Cada ano incorpóranse novos alumnos e outros se van tras finalizar os seus estudos. Na actualidade a banda ten un carácter instrumental.

Mushu é a primeira banda adolescente de formación integramente feminina, creada a partir da proposta do Concello de Pontevedra a través do programa de cultura Minipazo Club, coa súa proposta de ROCKLAB. Despois de gravar a súa primeira demo en estudo autoproducida nos estudos Litium Records e Estudo Bonobo, comezan a dar os seus primeiros concertos en diferentes eventos da cidade de Pontevedra e prepáranse para realizar o seu seguinte traballo de estudo.