
Os devotos das cabazas e o terror máis festivo están de parabén: a banda viguesa Broken Peach volveu a publicar o seu xa tradicional vídeo de Halloween. E isto só pode significar a conta atrás para a chegada desta data, cada vez máis popular e celebrada no noso país.
Pasaron 7 anos xa desde aquela versión de This Is Halloween que catapultou á banda nas redes, atraendo fans de todo o mundo e chegando a cultivar a día de hoxe 6,6 millóns de visualizacións en Youtube. Esta vez o grupo olívico sorprendeu cunha revisión de Tainted Love, canción gravada por Gloria Jones en 1964 e popularizada posteriormente polo dúo británico Soft Cell en 1981. O vídeo, que superou as 65.000 reproducións nas súas primeiras horas, foi gravado en O Vello Cárcere de Lugo; trasladando ao espectador a un contexto delirante e escuro propio dun asilo mental de pesadelo.
O Tainted Love de Broken Peach tamén foi publicado simultaneamente como single nas principais plataformas de descarga, de forma que os acérrimos seguidores do grupo xa teñen o himno oficial para este próximo 31 de outubro.
Sobre Broken Peach
Broken Peach é unha banda viguesa de soul & rock fundada en 2010. Tras 11 anos de existencia visitaron todo tipo de escenarios: desde concertos privados, ata festivais internacionais; pasando por estudios de televisión ou eventos deportivos.
A súa canle de Youtube ten máis de 144.000 seguidores e algún dos seus vídeos conta mesmo con máis de 6,6 millóns de visualizacións. A súa estética grupal e extravagante adoita ser unha “marca da casa” que os caracteriza.