Sin categoría

Baiona actúa no Camiño Rial en Baíña para mellorar a accesibilidade

O Concello de Baiona comezou as obras que permitirán mellorar a accesibilidade do Camiño Rial en Baíña. “O Obxectivo é adecuar o espazo de circulación dos vehículos e peóns para facelo máis transitable e seguro nunha vía de acceso estreito”, destaca o Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.

Os traballos, que xa están en marcha, responden a un compromiso asumido polo Alcalde, Carlos Gómez, e o concelleiro, nunha das súas visitas pola parroquia de Baíña. O obxectivo principal é minimizar os problemas existentes na entrada do camiño, co fin de facilitar aos veciños e veciñas o acceso ás súas vivendas e leiras agrícolas.

Os traballos consisten na mellora da accesibilidade e inclúen a instalación dunha varanda protectora con respecto á marxe do río Baíña, ademais do asfaltado nunha zona onde o pavimento está afundido e moi deteriorado. Así mesmo, realizarase o saneo da zona previa á execución da nova capa de rodadura e realizarase o rozado mecánico de cunetas e noiros por ambas as marxes do camiño.

“Con estes traballos mellorarase a seguridade viaria da zona. Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a accesibilidade e a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais”, sinala o rexedor, quen engade que “esta obra súmase a tantas outras que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.