Manifesto Miñor advirte da lentitude das obras de humanización da Rúa Manuel Alonso

Dende Manifesto Miñor veñen de poñer en coñecemento do Alcalde e do Goberno Municipal de Gondomar que as obras de humanización e mellora do treito (aprox. 50mts) da Rúa Manuel Alonso, van excesivamente lentas. “Só traballan nelas diariamente tres operarios, e en dúas semanas, que saibamos, estiveron paralizadas catro días sen aparente xustificación”.

Antonio Araújo advirte que a día de hoxe a preocupación dos veciños e comercios situados nese treito de rúa en obras comeza a ser elevada, pois ademais dos graves prexuízos para algúns dos negocios alí instalados, os veciños desa rúa non poden acceder aos garaxes das súas vivendas.

“Un goberno con maioría absoluta de 9 concelleiros e 7 dedicacións exclusivas, non ten xustificación posible para exercer o seu labor de vixilancia no que respecta á marcha das obras esixindo responsabilidades se fora o caso, pois está en xogo o medio de vida de varias familias”, conclúe o portavoz de Manifesto Miñor.