Baiona reivindica o seu papel de enlace entre Europa, Hispanoamérica e o resto do mundo

Baiona converteuse no escenario da celebración do Día da Hispanidade na provincia de Pontevedra. A Praza do Concello acolleu o acto protocolario organizado conxuntamente polo Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra. Entre os asistentes á celebración da efeméride, ademais do alcalde, Carlos Gómez Prado; atopábanse a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, o Cónsul Xeral de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, en representación do corpo consular de Vigo, entre outros moitos diplomáticos e autoridades militares. Entre os asistentes tamén estaba a corporación do Concello de Baiona, ex alcaldes e demais autoridades locais da Vila.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, reivindicou a unión entre os pobos co seu discurso. Tamén destacou que “en Baiona nace un vínculo entre as dúas beiras do Atlántico que se mantén firme ao longo dos séculos. Desde Baiona están a se sentar as bases para que entre todos e todas podamos achegar máis se cabe o universo hispano ao mundo. Temos a responsabilidade política e institucional, con ocasión do fito do encontro entre culturas, de apostar por un proxecto de futuro que achegue aos pobos colombinos ao resto do mundo, temos que seguir estreitando lazos con América. É un momento no que debemos estar máis unidos que nunca. Temos ante nós uns novos retos por diante aos que debemos enfrontarnos con espírito de solidariedade. Estamos a vivir unha situación complexa no político-social, e como representantes políticos e institucionais debemos comprometernos e unirnos para superar xuntos estes duros momentos que nos tocaron vivir”.

O rexedor destacou no seu discurso que “Baiona e o seu Alcalde quere humildemente representar ese lazo de unión entre Europa, Hispanoamérica e o resto do mundo. Queremos promover unha Festa da Hispanidade que nos reconcilie cos nosos irmáns, esquecéndonos dos desencontros entre dous grandes continentes e que nos permita exaltar os valores de convivencia, de respecto ás identidades culturais, de compromiso firme na defensa do progreso, do benestar e da paz. Penso que esas circunstancias deixaron unha pegada decisiva na nosa personalidade colectiva. Neles trunfa a vontade humana sobre os elementos. E vontade é o que temos desde Baiona para capitanear un proxecto europeo de futuro que achegue os pobos colombinos ao resto do mundo. Non esquezamos as leccións deste día que a historia quixo situar en Baiona. A vontade dos pobos é unha forza irresistible cando se pon en marcha. Os países e as nacións son fortes cando teñen grandes obxectivos e perséguenos con decisión. Velaí a mensaxe que nos chegou coa viaxe de Colón a América”.

O Alcalde de Baiona foi o encargado de dar a benvida ao municipio e de abrir co seu discurso a quenda de intervencións. A continuación fíxoo o Cónsul Xeral de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, en representación do corpo consular de Vigo. Carmela Silva Rego, Presidenta da Deputación de Pontevedra, foi a encargada de pechar o acto. A nota musical da celebración do Día da Hispanidade púxoa a actuación de “Mulleres de Ultramar”, que interpretou a canción “Grazas á Vida” da cantautora Violeta Parra.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.