Anuncios
Ticker de novas

Gorka Beloki reforza o staff do Club Ciclista Rías Baixas

O novo proxecto do Club Ciclista Rías Baixas dá o seu primeiro paso. A entidade presidida por José Luis Chamorro aposta por ampliar o seu organigrama incorporando a figura do mánager deportivo, un posto que ocupará Gorka Beloki. O ex ciclista arabés achegará a súa experiencia á estrutura do Val Miñor, que continúa traballando nos despachos para dar o salto ao profesionalismo.

Beloki, de 40 anos, competiu como ciclista profesional durante cinco anos. Militou tres campañas nas filas da ONCE, unha no Brioches – La Boulangère francés e antes de colgar a bicicleta en 2005 defendeu as cores do Andalucía – Paul Vesan.

Desde a súa retirada seguiu ligado ao mundo do ciclismo. No campo Elite e Sub23 exerceu de mánager durante tres tempadas do Infistport-ArabaEus. Esta escuadra vitoriana cultivou importantes éxitos deportivos, como o Campionato de España de contrarreloxo sub23 en 2015 e o subcampionato de ruta Elite nese mesmo ano, e serviu de lanzadeira para que varios corredores conseguisen facerse un oco no pelotón profesional. Despois da desaparición deste equipo, o ex ciclista guipuscoano formou parte da Fundación Alberto Contador como director deportivo en 2017.

Pola súa ambición e maneira de entender o ciclismo, Beloki encaixa á perfección na filosofía de traballo do Club Ciclista Rías Baixas. A súa primeira misión como mánager será confeccionar o persoal para a próxima campaña, un labor para o que xa se puxo ao choio. O conxunto miñorano ten previsto desvelar as súas primeiras fichaxes ao longo das próximas semanas.

Anuncios