Nigrán únese á X Limpeza Simultánea de Praias de Adega na cala de Portocelo

O Concello de Nigrán súmase o próximo sábado 16 de outubro á décima xornada de limpeza simultánea de praias en toda Galicia capitaneada pola asociación ecoloxista Adega. Esta desenvolverase desde as 17:00 horas por vez primeira na cala de Portocelo (tamén coñecida como Seixos Negros) en Monteferro. O punto de encontro é a entrada á sede da Comunidade de Montes de Monteferro ás 17:00 horas e ao rematar a limpeza (sobre as 18:30 horas, no propio areal) levarase a cabo unha actividade de descubrimento de microplásticos a cargo dun educador ambiental de Amigos da Terra. Os voluntarios interesados en participar nesta décima edición deben inscribirse a través dun formulario na web municipal www.nigran.es. Recoméndase levar roupa e calzado axeitado, auga e luvas.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos. Os modelos de consumo e produción seguen sen mudar, e agora coa pandemia parece que o consumo de plástico aumentou por esa falsa percepción de que é máis hixiénico. Tamén atopamos outro novo inimigo nos nosos areais… as máscaras.

Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións…), pero unha gran parte chega das nosas casas. O obxectivo das limpezas de praias é a de eliminar parte dos residuos que están nas praias, así como dar unha chamada de atención sobre esta cuestión.