O PP de Baiona denuncia que o tripartido adxudicou a dedo o servizo de limpeza de edificios públicos

O Partido Popular denuncia que o goberno local de Baiona, formado por PSdeG, Bng e Nós, volve incumprir a lei de contratos públicos e adxudica a dedo o maior contrato do Concello, o do servizo de limpeza de edificios públicos, á mesma empresa que está a realizar o servizo desde 2015 por un importe que supera os 200.000 euros. “Unha nova ilegalidade que se suma aos reiterados incumprimentos desta lei por parte do tripartito que dirixe o socialista Carlos Gómez e dos que o PP baionés alerta desde o inicio da lexislatura”. “A Lei de Contratos é de obrigado cumprimento para os concellos porque busca dar transparencia nos procesos e eficiencia na asignación de recursos públicos, precisamente o que non interesa ao goberno de Baiona a xulgar pola súa forma de xestionar”, censuran os populares.

O contrato coa empresa de limpeza finalizou o pasado 27 de xuño de 2017 e a prórroga do mesmo en 2019. A Lei impide que se volva a ampliar e obriga ás administracións públicas a realizar unha nova licitación do servizo, con todo o tripartito saltouse outra vez máis este deber e contratou novamente a limpeza dos edificios municipais coa mesma empresa e polo mesmo valor. “Ademais dunha ilegalidade, supón un desagravio para o resto de empresas do sector ás que se lles priva de poder optar a este contrato que, doutra banda, podería ter un importe menor e permitiría un aforro para o Concello en lugar dun malgaste dos impostos que pagan todos os veciños”, apuntan os populares.

Dáse a circunstancia de que esta empresa é a mesma á que o Concello contratou ao comezo do pasado curso escolar 2020-2021, tamén sen licitación previa, para que se encargase dos labores de limpeza e desinfección dos centros escolares de Baiona por un importe próximo aos 100.000 euros. “Xa o ano pasado advertimos de que estaban a cometer unha ilegalidade pero un ano despois volven repetila. Non é de recibo que o goberno local non fixese absolutamente nada durante os dous últimos anos para sacar adiante un concurso público para o servizo que máis costa ás arcas municipais. Novamente, falta de xestión, descontrol e deixamento do tripartito baionés”, consideran os concelleiros do grupo municipal popular.