O baionés Manuel Loureiro conquista o Open de España de Enduro

FOTO: YAIZA FERNÁNDEZ PÉREZ // Manuel Loureiro no máis alto do podio.

A chuvia que caeu na véspera da competición en Moaña foi un sinal do baño de éxitos que agardaba ao Enduro galego na última cita do Open de España. Os representantes autonómicos exhibiron no Endurrazo o seu nivel, tal e como acontecera a principios de xuño no Campionato de España celebrado en Mugardos.

O THC Bike preparou un percorrido con cinco treitos moi variados. O TC1 e o TC4 presentaban menor pendente e maior velocidade, o TC2 e o TC5 eran técnicos e os de maior desnivel, mentres que o TC3 caracterizouse pola súa esixencia física. Os adestramentos do sábado realizáronse baixo a chuvia, quedando o TC2 e o TC5 cunha dificultade extrema dado que o agarre resultaba nulo e facíase moi complicado baixar montado sen caerse.

Por sorte, o domingo amenceu sen chuvia e os treitos foron mellorando durante a carreira. Ese cambio das condicións permitiu aos corredores demostrar o seu talento dunha forma máis cómoda. Na análise técnica engadir que a marxe dos remontes foi suciente para a maioría, a excepción do TC4, no que unha decena de participantes recibiron penalizacións por chegar tarde.

Nas clasificacións por categorías houbo cinco riders autonómicos que subiron ao máis alto do podio e outros seis que pisaron o caixón. Nos júniors anotouse o triunfo o baionés Manuel Loureiro (Coruxo) por diante de Zoe del Río (XSM), un pulso que tamén se deu pola xeral do Open.

Os brillantes resultados da ‘armada’ galega reflectíronse nas clasificacións finais do Open de España, que este ano constou de tres citas. Dous deses rankings quedaron en Galicia. Loureiro, da parroquia de Baredo, adxudicouse o júnior por 15 puntos de vantaxe sobre Del Río.