O programa “Tornar ás Taboas” da Deputación achega a Baiona a obra “Elisa e Marcela

Este domingo 3 de outubro a compañía de teatro A Panadaría representará no Auditorio V Centenario de Baiona a súa peza teatral “Elisa e Marcela” dentro da programación cultural “Tornar ás Taboas” da Deputación de Pontevedra, coa colaboración da Concellería de Cultura.

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga coñecéronse e namoráronse a mediados da década de 1880 na Escola Normal de Mestras da Coruña. Despois, empezaron a traballar en distintas escolas de varios Concellos da zona pero sempre tentando estar o máis preto posible para poder vivir xuntas. En 1901 Elisa viaxa á Coruña, córtase o pelo, vístese con roupa de home e déixase crecer o bigote para finxir que é un home. Finalmente o 8 de xuño casan e é cando comeza o pesadelo.

A compañía A Panadaría retrata sobre o escenario esta historia de amor, sen adornos, sen artificios, teatro en estado puro, onde o principal son as actrices. A dramaturxia é froito do traballo conxunto da directora da obra Gena Baamonde e as tres integrantes de A Panadaría, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro. Un texto que narra dun modo moi sinxelo e tenro unha historia de dor, persecución e sufrimento pero sobre todo de amor.

A entrada do evento será gratuíta con aforo limitado segundo orde de chegada. As portas do Auditorio abriranse trinta minutos antes do espectáculo. Será obrigatorio manter as novas normativas de aforo e de distancia social marcados polos protocolos de seguridade contra o Covid-19.