O PP tamén solicita a comparecencia de Paco Ferreira para explicar a situación do polígono de A Pasaxe

O pasado mes de novembro o pleno da Corporación municipal de Gondomar aprobou por unanimidade a proposta da concelleira de Urbanismo sobre o Proxecto de Urbanización da Pasaxe e a memoria xustificativa para a contratación das obras de Urbanización Fase I do Proxecto Sectorial de A Pasaxe, como culminación de todo un proceso de legalización do polígono industrial cuxo proxecto sectorial foi aprobado definitivamente no ano 2016.

A Asociación AGAPA (Afectados Garrida-Pasaxe) anunciou no mes de febreiro que viña de presentar un recurso contencioso-administrativo contra o acordo do Pleno do Concello de Gondomar de aprobación da urbanización de A Pasaxe. Ante estas noticias e a incerteza creada, o Partido Popular presentou no pleno de abril unhas preguntas relativas con este asunto, sendo contestadas polo Alcalde no pleno de xullo, indicando que todo estaba correcto e non había nada polo que preocuparse. No mesmo día no que o pleno do mes de setembro ía adxudicar as obras, tiveron coñecemento pola prensa da decisión xudicial que obrigaba a dar marcha atrás a todo o proceso de adxudicación.

Ante a nova aparecida nos medios da decisión de AGAPA de presentar unha denuncia ao alcalde por prevaricación, por unhas obras denunciadas pola propia asociación, o Partido Popular presentou unha moción a debater no vindeiro pleno para solicitar a comparecencia do alcalde para que dea explicacións sobre a situación na que se atopa o polígono industrial de A Pasaxe.

“Onte tivemos noticia pola prensa da decisión de AGAPA de presentar unha demanda ao Sr. Alcalde por unhas obras realizadas no polígono de A Pasaxe, que pode paralizar todo o proceso de ampliación do polígono industrial. Sobre este tema o Partido Popular tamén preguntou no pleno do mes de abril. Non sabemos que máis nos pode agochar o Sr. Alcalde sobre este polígono, polo que consideramos moi necesario que o Sr. Alcalde debe dar unha explicación ao pleno da Corporación Municipal de Gondomar e a todos os veciños e axentes implicados neste proceso”, argumenta Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño.