O Concello de Baiona apoiará o proxecto Campus Residencial Universitario

A principios de xuño os representantes de ACEBA, OVALMI, xunto con empresarios que engloban os distintos sectores económicos de Baiona, acompañados do Director da empresa Campus Spain (especializada en xestionar a estancia en España de estudantes universitarios estranxeiros), reuníronse co alcalde, Carlos Gómez, co obxectivo de solicitar ao Concello apoio económico, a fin de poder iniciar o próximo curso académico o proxecto Baiona Campus Residencial Universitario.

Tras unha segunda reunión acontecida esta semana, onde se clarificaron detalles e analizouse cunha ampla visión de futuro a iniciativa, finalmente o Concello accedeu a participar no proxecto e traballar conxuntamente coa Asociación de Comerciantes e Empresarios para conseguir que Baiona se converta, no prazo duns anos, no novo Campus Residencial da Universidade de Vigo.

“O obxectivo inicial é facer unha proba piloto e acoller a un pequeno número de estudantes para, aos poucos, ir crecendo ata alcanzar unha cifra significativa de alumnos e docentes que nos dea entidade como Villa Residencial Universitaria”, apuntan desde a Asociación.

ACEBA leva traballando no amentado proxecto máis de dous anos, pero lamentablemente a posta en marcha da idea viuse truncada pola aparición da pandemia. Aínda así, en ningún momento abandonouse o interese e entusiasmo dos empresarios de converter Baiona nun municipio orientado a dar acollida a unha parte dos alumnos, docentes e investigadores foráneos que estudan ou traballan na Universidade de Vigo.

As dúas enormes vantaxes deste proxecto son: por unha banda que non lle afecta a climatoloxía adversa e por outro permite atraer visitantes de setembro a xuño sen que esas longas estancias de inverno dos alumnos, profesores e investigadores afecten o turismo de verán xa que cando finaliza o curso académico, os estudantes e docentes regresan aos seus domicilios e é a partir desas datas (finais de xuño) cando toman a substitución os turistas de verán (xullo e agosto), por tanto os dous perfís son totalmente compatibles no tempo.

Desde ACEBA, sempre consideraron que este é un novo tipo de turismo, un turismo que definen como “turismo académico ou turismo cultural”. “Estamos convencidos que esta nova modalidade de visitantes de longa duración, pode chegar a ser o catalizador económico que necesita Baiona para soportar a súa longa tempada invernal”. Sen dúbida para os empresarios, este “turismo académico” romperá o factor estacional, atraerá investimentos, xerará novas oportunidades de negocio e creará emprego de calidade.

“Este é un proxecto que podemos considerar único en España e como primeiro logro destacable é que, grazas ao Campus Residencial Universitario, ACEBA tras reiteradas xestións cos diferentes responsables políticos, conseguiu unha liña de autobús directa por autoestrada, que comunica a Vila co CUVI en tan só 30 minutos e que ademais é gratuíta para os alumnos menores de 21 anos. Este feito supón xa un enorme logro para os nosos estudantes baioneses, que ata a data, non dispoñían de transporte público para poder desprazarse á Universidade nun prazo razoable de tempo”, lembran.

Desde ACEBA queren agradecerlle ao Concello de Baiona e en especial ao seu alcalde, Carlos Gómez, o respaldo ao proxecto ademais do interese mostrado no mesmo. “Estamos seguros que grazas a esta idea, nun prazo razoable de tempo, entre todos conseguiremos dinamizar a economía da nosa vila. Desde ACEBA queremos que o Campus Residencial Universitario sexa un proxecto do que participe a cidadanía e que, coa colaboración e ilusión de todos os habitantes da Vila, consigamos activar o emprego e dinamizar a economía local”.