Nigrán rende homenaxe ao escritor Bernardino Graña no seu 89 aniversario

O Concello de Nigrán rende este mes homenaxe mediante a exposición “O home que quixo vivir” a un dos seu veciños máis ilustres: o célebre escritor galego Bernardino Graña, quen vive desde hai décadas na residencia Stella Maris de Panxón. Así, coincidindo xusto co seu 89 aniversario, pre-estreouse no Auditorio Municipal o documental vinculado á mostra, todo baixo a dirección e realización de Xan Leira, e coa asistencia do alcalde de Nigrán e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outras autoridades. Sen embargo, a exposición foi aberta ao público na mañá deste martes coa presenza do propio Bernardino, Xan Leira, o rexedor e alumnado do CEIP Humberto Juanes, quen lle cantou o “Cumpleaños Feliz” e lle axudou a soprar as velas.

“O home que quixo vivir” permanecerá no Auditorio Municipal ata o 31 de outubro (de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, e fins de semana de actividades neste espazo), e como colofón final o sábado 30 proxectarase o documental ás 17:30 horas.

“Bernardino Graña é un ilustre escritor galego que temos a sorte de ter como veciño, por iso desde o Concello de Nigrán estamos especialmente orgullosos de acoller esta exposición que lle ofrecemos como agasallo no seu 89 aniversario”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que desde o Concello xa se está a traballar para o ano 2022, nos seus 90 anos.

A mostra, composta por 14 roll-ups informativos, fai unha escolma por orde cronolóxica da vida e obra de Bernardino, incluíndo imaxes representativas de cada etapa. A maiores, cada visitante poderá levarse un catálogo informativo a modo de “xornal” que recolle boa parte da exposición e que inclúe códigos QR con recursos de audio ou vídeo. Finalmente, o documental “O home que quixo vivir” (con localizacións para a entrevista en Panxón) a complementa. Este proxectarase o día 30 de outubro e o Concello o ofrecerá para aqueles centros educativos do municipio que o desexen.

“A obra de Bernardino Graña (Cangas, 27.09.1932) é magna. Poesía, narrativa, teatro, conferencias… Un creador e un intelectual de altura que colaborou na modernización da nosa literatura dende moitos lugares desde os que loitar. Puxo toda a súa intelixencia ao servizo do seu pobo” , reflicte a propia mostra de Xan Leira sobre o impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade que o vén de nomear presidente honorífico. Foi catedrático de lingua e literatura ata a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto. É autor dunha decena de magníficos poemarios, un destacado libro de relatos, unha orixinal novela, máis dunha vintena de salientables títulos infanto-xuvenís e preto de media ducia de pezas teatrais de relevo que merecen maior divulgación no conxunto da sociedade galega e, moi especialmente, entre a xente nova, á cal dedicou unha parte significativa da súa obra escrita na súa residencia moañesa de Tirán.