O alcalde de Nigrán participa en Soria no encontro internacional “Think Europe”

O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, interveu onte no II Encontro Internacional “Think Europe: Compromiso 2030”, ao que asistiu en calidade de presidente da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. O evento, organizado por United Cities and Local Governments, reúne entre o 16 e o 18 de xaneiro en Soria a máis de 250 líderes e lideresas mundiais co reto de reforzar o papel das cidades intermedias na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fixados pola ONU en 2015 co fin de erradicar a pobreza e as desigualdade nun prazo de quince anos.

Segundo o presidente da Confederación, que reúne a nove fondos do Estado, «a contribución das entidades locais, por pequena que sexa, será fundamental, porque permitirá concienciar á cidadanía e amosar que as institucións poden estar cerca». Así o declarou Juan González na mesa “A cooperación internacional para o desenvolvemento e as axendas das cidades intermedias”, na que participou canda representantes do Programa das Nacións Unidas Para o Desenvolvemento (PNUD), da Secretaría General Iberoamericana, da Coordinadora de ONGD España ou do municipio marroquí de Chefchaouen, entre outros.

A directora da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, Aina Calvo, encargouse de presentar o debate e anunciou que a AECID quere afianzar as relacións para traballar conxuntamente tanto coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) como coa Confederación de Fondos, xa que os considera actores chave no mantemento da cooperación municipalista no Estado.

A propia Confederación, que representa a máis de 1.000 entidades locais, considera que cómpre impulsar e fortalecer os espazos de reflexión e traballo conxunto para promover a aplicación da Axenda 2030 e as políticas públicas de desenvolvemento. Ao mesmo tempo, débese pór en valor a capacidade dos gobernos locais para favorecer a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, xa que os 17 ODS entroncan directamente coas competencias municipais, principalmente na prestación de servizos básicos e na promoción dun desenvolvemento territorial endóxeno, inclusivo e sostible.