Vive Nigrán organiza unha nova xornada de recollida de residuos na Praia de Patos

O Festival Vive Nigrán, a través da súa iniciativa Vive Sostible, convoca a terceira xornada de recollida de residuos, na Praia de Patos o vindeiro sábado 2 de outubro. Esta actividade está organizada en colaboración con GALP7, o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda, que é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar para a xestión de axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). A xornada de recollida comezará ás 10:00 da mañá e ás 12:00 horas está prevista unha charla para os asistentes de Alfredo López, membro da Xunta Directiva do GALP Ría de Vigo – A Guarda e coordinador de CEMMA.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse a través dun formulario na web do concello de Nigrán http://www.nigran.es. O prazo para as inscricións abrirase o luns 27 de setembro e finalizará o venres 1 de outubro.

Esta será a última xornada de recollida de residuos que se organiza desde Vive Nigrán este ano nas praias de Nigrán. Desde o seu inicio, a organización do festival tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o evento, con diferentes accións englobadas en Vive Sostible. O festival sumouse ao Pacto Cultura Sustentable para reforzar o seu compromiso por ofrecer un evento máis respectuoso co medio ambiente.

Así, a quinta edición do festival, seguindo diversos obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, impulsou diversas accións de concienciación e coidado ambiental durante estes meses, como as dúas recollidas anteriores de residuos mariños, o uso de vasos biodegradables, e a instalación dun xerador fotovoltaico no festival. Ademais, desde este xoves, “Balmi” o cachalote de Vive Nigrán xa loce en Praia América, como símbolo do compromiso do festival coa contorna e a sustentabilidade. A escultura está realizada con residuos plásticos recollidos durante varios meses nas praias galegas.

Os interesados que non poidan asistir a esta última xornada de limpeza poderán seguir colaborando, xa que o Concello de Nigrán puxo ao dispor desta campaña de Vive Nigrán un dos seus peixes tragaplásticos situado en Praia América (está sinalado cun cartel identificativo), onde se poden depositar os plásticos atopados.