Sin categoría

Nigrán eleva o premio do concurso de carteis “Nigranjazz-Quin Alborés” aos 700 €

O Concello de Nigrán convoca un ano máis o xa tradicional concurso de carteis “Quin Alborés-Nigranjazz”, aumentando a 700 euros o premio á proposta gañadora para festexar así a maioría de idade do festival (desde a súa orixe o premio foi sempre 500 €). O certame ten como obxectivo difundir a imaxe do Nigranjazz 2024 na súa XVIII edición e o prazo de presentación de propostas remata o 30 de abril (Día Internacional do Jazz).

O certame rende homenaxe desde o ano 2010 ao falecido artista nigranés Quin Alborés, gran amante do xénero e quen impulsou o evento desde o seu comezo deseñando os tres primeiros carteis. As bases completas poden consultarse na web do Concello http://www.nigran.es ou na propia Casa Consistorial.

Como en cada edición, o concurso está aberto a persoas físicas maiores de 18 anos, podendo presentar cada unha delas (individualmente) un máximo de dúas obras, coa condición indispensable de ser inéditas e cunha estética relativa ao mundo do jazz. Os orixinais realizaranse en formato vertical, en tamaño A2 (594 x 420 mm.) e deben ser anónimos de acordo co previsto nas propias bases, podendo enviarse as propostas por correo electrónico, por Rexistro ou Correos, seguindo as indicacións facilitadas na convocatoria.