Localizado o veciño de Morgadáns desaparecido desde onte

O veciño de Morgadáns desaparecido da súa casa desde onte, J.F.U., xa foi localizado no lugar de Vilas e evacuado pola Garda Civil. Foi atopado por un xinete que participaba no amplo dispositivo de procura que se estableceu para localizar a esta persoa que faltaba desde onte á noite do seu domicilio.

Cando se atopou estaba consciente, pero con dificultades para falar debido ás feridas que sufrira na boca e a mandíbula por un accidente fortuíto que supostamente sufriu cando manipulaba unha motoserra no monte de Prado en Morgadáns.

Debido ao difícil acceso ao lugar dos servizos sanitarios, tivo que ser evacuado ao hospital Álvaro Cunqueiro por unha patrulla da Garda Civil do Posto de Gondomar, en contacto telefónico permanente cos servizos médicos de urxencias.

Efectivos da Policía Local e Garda Civil de Gondomar puxeron en marcha un operativo especial para localizar ao home, que fora visto por última vez onte luns sobre as dúas da tarde cando saíra da súa casa cunha motoserra nun vehículo, e ao que se sumaron tamén veciños/as voluntarios/as da zona.