Investigan a tres menores como presuntos autores de danos ocasionados a 7 vehículos e a un chiringuito en Nigrán

Efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán investigaron a tres menores de Nigrán como presuntos autores dun delito continuado de danos intencionados sobre 7 vehículos que se atopaban estacionados nas inmediacións da praia, así como nun chiringuito que abre en época estival da mesma localidade.

A Garda Civil tivo coñecemento dos danos ocasionados a estes vehículos ao recibir as denuncias dos afectados, feitos que tiveron lugar a madrugada do 22 do pasado mes de agosto. Nos sete casos denunciados, os coches presentaban patadas ou golpes con algún tipo de obxecto contundente nos espellos retrovisores.

Ao mesmo tempo, a Policía Local de Nigrán tras ser requirida polos mesmos feitos, identifica os tres novos, menores de idade, autores dos danos.

Por iso procédese á investigación dos tres menores, como presuntos autores dun delito continuado de danos, pola rotura de espellos retrovisores de 7 vehículos estacionados na zona de Praia América, e os ocasionados polo lanzamento de cadeiras e mesas de terraza contra un chiringuito de praia situado nesta mesma zona.

Instrúense dilixencias que son remitidas á Fiscalía de menores de Pontevedra.