Anuncios
Ticker de novas

Amplíase o prazo para a deliberación do xurado no concurso “Un banco para o mundo”

Ante a imposibilidade de reunirse o xurado para deliberar no período previsto sobre as fotos que cumpren os requisitos do concurso “Un banco para o mundo”, amplíase a data de deliberación do xurado unha semana máis, rematando o prazo para o mesmo o día 25 de febreiro. Asemade tamén se amplía unha semana máis o período de votación, sendo esta dende o 26 de febreiro até o 7 de maio de 2018.

O Concello de Gondomar proporá e tramitará a colocación dun banco para contemplar descansadamente a panorámica elixida nun concurso de fotografía. O banco será deseñado polo Arquitecto Municipal, Antonio Soliño Troncoso. No caso de non ser posible esta situación, tramitarase noutra das elixidas polos votos recollidos.

O Concurso, promovido pola Concellería de Turismo, está aberto a todas as persoas profesionais ou afeccionadas á fotografía que desexen participar. O tema escollido é “Un lugar para un banco”. O obxectivo é procurar imaxes de lugares feitas dende Gondomar, que permiten observar panorámicas do Concello, do Val Miñor ou da costa. Imaxes que inviten a repousar, a deter o tempo, a sentarse para contemplar sen reloxo o espectacular panorama que se presenta diante dos nosos ollos.

As obras presentadas serán preseleccionadas por un xurado que valorará os seguintes criterios: beleza e/ou espectacularidade da paisaxe; adecuación do lugar para poder colocar un banco contemplativo; accesibilidade do lugar; situación que invite ao silencio, ao relax, a contemplación, a meditación ao desfrute visual; e proxección exterior do potencial turístico do Concello de Gondomar.

As fotografías de cada autor/a serán enviadas nun mesmo correo electrónico á dirección concursofotografia@concellodegondomar.gal acompañadas da folla de inscrición que figura como ANEXO ás bases, debidamente cuberta, e dispoñible na web do Concello de Gondomar, www.concellodegondomar.com, e na Concellería de Turismo.

Só se admitirá un único correo por autor/a, prevalecendo en calquera caso o primeiro envío recibido que non exceda o límite de 3 imaxes.

Non se admitirán a concurso aquelas imaxes que fosen remitidas por calquera lugar ou medio fóra do establecido nas bases; aquelas que poidan vulnerar o dereito ao honor ou á intimidade de terceiras persoas ou que poidan resultar de mal gusto, ofensivas, difamatorias, xenófobas ou que conculquen a legalidade vixente.

Tamén serán descartadas as fotografías que non reúnan a calidade esixida, que non se ateñan ao tema da convocatoria e aquelas que leven sinatura ou algunha outra marca identificativa.

Unha vez pechado o prazo de presentación de fotografías abrirase un prazo para a votación telemática entre as imaxes seleccionadas por un xurado que se reunirá para determinar cales cumpren os requisitos para ser consideradas candidatas.

O lugar para que Gondomar coloque un banco para o mundo, será o que teña maior número de votos cidadáns.

O premio é intransferible e consistirá na entrega dun diploma acreditativo, e unha cea para dúas persoas nun restaurante de Gondomar (Asador Brado). Un teléfono móbil doado polo comercio Expert Gondomar sortearase entre todos os participantes que emitan votos telemáticos.

Anuncios