Baiona prepárase para celebrar esta fin de semana a Romaría de San Cosme e San Damián

O vindeiro venres 24 de setembro, festivo local, o sábado 25 e o domingo 26, Baiona recupera a celebración da Romaría de San Cosme e San Damián. Esta edición, se cabe, é aínda máis especial, xa que o ano pasado a tradicional romaría baionesa viuse obrigada a suspenderse con motivo da crise sanitaria derivada do COVID-19.

Os veciños e veciñas poderán participar na contorna de Santa Liberata nalgún dos cultos que se celebran na honra dos santos, gozar das actuacións musicais ou ben percorrer o tradicional mercado de froitos do campo e produtos outonais. Dous dos produtos estrela serán o mel e as noces da comarca.

Durante tres días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado esténdese tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Ademais, o mercado vai ser amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandereteiras e pasarrúas. A festa comezará o venres, festivo local, ás 13:00 horas, coa actuación de “Cé Orquestra Pantasma”, e ás 18:00 horas se levará a cabo un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “Os Trebellos” de Baíña no recinto de Santa Liberata.

O sábado día 25 ás 13:30 horas a través de “Cultura no Camiño” farase unha homenaxe á tradición oral co espectáculo “Mulleres de sal, mulleres de terra”. Ás 19:00 horas a Asociación Folclórica “Vila de Baiona” e a Asociación Cultural “A Seneira” ofrecerán unha actuación.

O domingo, día 26, ás 12:30 horas celebrarase a Misa Solemne na honra de San Cosme e San Damián na Igrexa de Santa María de Baiona. Ás 13:30 horas, a través de Agadic xunto coa Federación Galega de Bandas Populares, haberá unha actuación dentro do programa “O país das bandas”, coa Banda de Música “Belas Artes” de Cangas.

En canto aos actos relixiosos, o sábado, día 25 de setembro, as misas serán de tarde ás 18:00 e ás 20:00 horas. O domingo, día 26 de setembro, haberá misas ao longo de todo o día: 08:00, 09:00, 10:30, 12:30 (misa solemne), 18:00 e 19:00.

Debido ao Covid-19, non se celebrará a procesión habitual previa á misa solemne; no seu lugar, haberá un acto de veneración das reliquias, que tampouco se darán a bicar para garantir as normas sanitarias.

Coa idea de respectar o aforo establecido polas institucións sanitarias, o culto só se centralizará no templo parroquial, Igrexa de Santa María de Baiona, polo que non haberá celebracións na Capela de Santa Liberata. A Capela permanecerá aberta ao público para todas aquelas persoas que a queiran visitar.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destaca que “o Goberno local profunda na súa aposta pola recuperación da gran Romaría de San Cosme e San Damián no municipio, con tres días de programación. Se aposta pola liña de recuperación e posta en valor do arraigamento desta tradicional festa. Trátase dunha celebración que suma legado e vangarda vinculada ao ámbito tradicional por iso desde o Concello de Baiona envorcámonos para que brille como se merece”.