O BNG chama a participar nas concentracións convocadas pola CIG en demanda dunha tarifa eléctrica galega

O BNG de Gondomar chama á participación na concentración en demanda dunha tarifa eléctrica galega convocada pola CIG para este domingo ás 12:00 horas na Farola de Urzáiz, en Vigo. O Bloque apoia as mobilizacións que a central sindical convoca en todo o País diante do imparábel medre da factura da luz, da impunidade coa que actúan as eléctricas e da ausencia de políticas públicas dos gobernos galego e español para garantir o acceso á electricidade en condicións alcanzables.

Continúa a campaña do BNG contra a suba da luz

O pasado mes de xullo, o BNG rexistrou na Xunta as 23.610 sinaturas recollidas nun mes ao longo de todo o País, tamén en Gondomar, en contra da suba da luz e a favor da posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega. A campaña continúa e, nesta segunda fase da campaña, o BNG complementará a recollida de sinaturas na rúa cunha rolda de visitas a pequenas e medianas empresas do concello para recoller as súas sinaturas e para lles trasladar a alternativa, propostas e iniciativas que o BNG está a presentar nos parlamentos galego e estatal e nos concellos.

PP e PSOE votan en contra das medida do BNG para abaratar o prezo da luz

Galicia é rica en electricidade pero non se beneficia desa riqueza e a factura da luz sobe ano tras ano, con gobernos do PP ou do PSOE, grazas a un sistema feito á medida das eléctricas, que teñen beneficios multimillonarios á conta da xente e de explotar os recursos naturais. En 2020, en plena pandemia: Naturgy 490 M€ de beneficios, Endesa 1.394M€. Iberdrola, 3.610 M€. O 14 de Setembro de 2020 o prezo da luz era de 43€ por megavatio, o 14 de setembro de 2021, foi de 154€, unha subida do 353% nunha escalada de prezos que o BNG cualifica de estafa.

Neste contexto, o pasado martes a portavoz nacionalista, Ana Pontón, defendeu no Parlamento unha batería de medidas para abaratar o prezo da luz e conseguir que Galicia se beneficie da riqueza eléctrica do País, con compensación polos custes de ser zona produtora, algo habitual en países como Alemaña, Reino Unido, Suíza, Noruega, entre outros. “Por pura lóxica, xa que é máis barato dar subministración eléctrica alí onde se produce; e tamén por xustiza, para compensar polos custos ambientais e sociais”, incidiu Pontón.

PP e PSOE votaron en contra, impedindo que galegas e galegos poidan beneficiarse dunha tarifa eléctrica galega máis barata.