A vendima solidaria de Bodegas La Val destinarase a Discamino

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, iniciou un ano máis a vendima coa súa tradicional Vendima Solidaria. Nesta ocasión foron as persoas pertencentes a DISCAMINO, un proxecto vigués que axuda a persoas con discapacidade a facer o Camiño de Santiago, quen participou nunha xornada de vendima na que parte da uva recollida destinarase a elaborar unha Edición Especial de Albariño: La Val Solidario 2021.

O importe íntegro da venda deste viño “La Val Solidario 2021” irá destinado a DISCAMINO. Trátase dunha ferramenta que trata de vencer as barreiras para que persoas con discapacidade poidan realizar algún dos camiños de Santiago utilizando vehículos adaptados.

Durante esta V Vendima Solidaria, Antonio Ruiloba, socio administrador de Bodegas La Val, afirmou “Para nós é moi gratificante saber que podemos apoiar con este tipo de accións a proxectos de carácter social tan importantes como este. Este ano eliximos a DisCamino porque para nós o labor que fan parécenos digna de admiración e moi necesaria”.

Ademais, Fernando Bandeira, socio xerente de Bodegas La Val, fálanos da vendima 2021; “Esta está a ser unha vendima con sobresaltos debido a factores meteorolóxicos, pero cunha uva sa e con bos parámetros de calidade. En canto a cantidade, aínda é pronto para facer unha valoración, pero todo indica que estaremos en cifras superiores ás da vendima de 2020”.

Pola súa banda, Javier Pitillas, responsable de DisCamino, manifestou: “Estamos moi agradecidos a Bodegas La Val por contar connosco e habernos feito beneficiarios desta Vendima Solidaria porque vai ser un empuxón moi forte para nós o poder dispoñer do que se recade coa venda desas botellas, e non só iso, tamén o feito de que nos dean visibilidade con este proxecto podería impulsar a máis persoas con discapacidade a dar o paso e empezar a pedalear connosco”.

Continuar co camiño solidario

Esta é a quinta vez que Bodegas La Val organiza a Vendima Solidaria, que virá acompañada pola elaboración do albariño La Val Solidario 2021, do que o importe íntegro da súa venda irá destinado a unha causa solidaria. En pasadas edicións desta acción as asociacións coas que colaborou a adega foron as seguintes: ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia), ASPANAEX (Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra), ALENTO (Asociación de Dano Cerebral Adquirido) e FUNDACIÓN MENELA (Rede de Servizos para o Autismo e a Dependencia).