Nigrán ofrece catro contacontos de dinamización á lectura desde este venres ao 8 de outubro

O Concello de Nigrán, a través da Biblioteca Municipal, ofrece semanalmente desde este venres no Auditorio Municipal e ata o 8 de outubro catro contacontos infantís a través do programa de dinamización á lectura “Ler conta Moito”. Por cuestións de seguridade sanitaria, é imprescindible a inscrición previa para cada un deles na propia biblioteca, no correo nigran.rbgalicia@eidolocal.es ou no 986383979.

O primeiro deles, pensado para nenos e nenas de 4 a 8 anos, terá lugar este venres 17 de setembro ás 18:00 horas e será “Daniela Pirata e as mozas pirata” a través de “Donde Viven los cuentos”. Trátase dun contacontos interactivo de Susana Iser. A nosa pirata preferida, Daniela, vivirá unha nova aventura co Caimán Negro. Nesta ocasión, coñeceremos ás Pirañas Intrépidas, un equipo de piratas mulleres que conseguirán cumprir as misión de Daniela con máis rapidez e eficacia. Daniela tratará de competir con elas para darse conta ó final de que xuntas son mellores. Na actividade os nenos acompañarán a Daniela na súa viaxe e experimentarán todas as dificultades que deberá superar. Para iso, xogarán, bailarán e se emocionarán nunha nova aventura pirata con valores moi actuais.

O segundo, tamén a cargo de “Donde viven los cuentos” e ás 18:00 horas, será o vindeiro venres 24 de setembro e titúlase “Unha viaxe para cantar e contar”, dirixido á primeira infancia (de 0 a 5 anos). Este contacontos é unha viaxe polos sentidos. A través de diferentes contos e xogos con teas, obxectos, luces, sons e música, os máis cativos irán recorrendo na súa barquiña unha chea de illas nas que vivirán aventuras trepidantes ao mesmo tempo que aprenderán conceptos como as cores, os números, as formas, as partes do corpo… Esta sesión constará de catro contos adaptados o galego: Polo camiño, Animales a mano, Mi cara, e La araña hacendosa.

O martes 28 de setembro ás 18 horas será a quenda de Raquel Queizás con “Dámoslle a volta a un conto. Contos pola igualdade”, dirixido a crianzas a partir de 3 anos. Trátase dun espectáculo de contos tradicionais de diferentes culturas e historias de vida, con obxectos e monicreques. Miña avoa, con 14 anos xa gañaba para manter á familia, non foi á escola, pero o que ela sabía… Os cálculos todos de cabeza. Ao chegar a noite montaba na burra para atravesar a raia seca e volver cargadiña de café, aceite, sabas… de Portugal. O estraperlo. Outra muller valente e revolucionaria como tantas. Ela contoume contos que eu descoñecía, de mulleres donas do seu destino e de homes que se liberan da máscara da masculinidade e permítense mostrar a súa sensibilidade.

O programa o finaliza tamén Raquel Queizás o venres 8 de outubro ás 18:00 horas con “Travesías”, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. Ata fai moi pouco tempo os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a unha débil princesa. E case nunca aparecían mozas decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes. Agardan por nós viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños.