
A Asociación de Veciños O Galiñeiro de Vincios formada por máis de 400 socios da parroquia gondomareña sufriu un parón na súa andaina con motivo da pandemia, pero Pablo Troncoso González, presidente do centro cultural, é dos que pensa que cando se dá un paso atrás faise para coller impulso e non para perder forzas. Antes da crise sanitaria, desde a entidade asentada no complexo pertencente á Comunidade de Montes desenvolvía un programa infestado de actividades. Impartían clases de gaita, de pandeireta, de baile tradicional, guitarra, pintura ou linguaxe de signos, entre outras.
Aínda que estas iniciativas son unha mínima parte dos elementos que completaban o seu calendario, todas elas céntranse en manter viva a súa tradición e que están en trámites de volver á palestra, sempre coa música como punto de unión. “Se se fan cousas a xente anímase, pero se as deixas morrer acabariamos pechando”, asegura. A súa partida será a Festa do Socio e do Veciño do 12 de setembro, que, xunto ao Coro Cantares do Brión, centrarán a celebración en homenaxear a Casimiro Rodríguez Carrera do grupo “Os Terribles de Vincios” e un dos fundadores da rondalla, unha entidade musical que se acabou disolvendo non por nada en particular.
O cambio dos tempos e a profesionalización dunha modalidade musical que se facía por puro pracer tocou e case afundiu a un conxunto que naceu hai máis de 70 anos, o que a converte na lonxeva de todo o Val Miñor. Agora con Severino Novas á fronte como director están a volver a reunir persoas e fan un chamamento á participación cun dobre labor que non é outro que pasalo ben como outrora, recuperar a ilusión e esencia propia deste tipo de agrupacións, algo difícil pero non imposible. “Todos son benvidos”, matiza.
“Como as rondallas de antes”
Novas quere volver tomar como punto de referencia os “Cantos de Reis” introducindo o canto dos “rondalleiros” de antes e máis instrumentos tradicionais. “Isto non quita que se poidan incluír outros elementos instrumentais pero coa finalidade de rescatar a festa que practicamente se perdeu coa súa profesionalización”, reitera. A pesar de que non o teñen fácil, a súa volta será inminente con 40 integrantes, un número que pode parecer grande. Con todo en realidade é moi inferior aos 140 que poñían nome e apelidos ao grupo que en vacas gordas actuaban en multitude de lugares de maneira desinteresada e cobrando a vontade. “Queremos facer música, pasalo ben e rexurdir”, finaliza.
O Coro Cantares do Brión e a lenda da garza e o bufo real
O Coro Cantares do Brión fundouse no ano 2008, componse de máis de medio centenar de persoas e está moi vinculado á Asociación de Veciños O Galiñeiro, aínda que son entidades independentes, Xunto a “Cántigas da terra”, “Toxos e froles”, Cantigas e agarimos” e “Coral de ruada”, completa a totalidade dos coros galegos existentes en toda a comunidade. Estrutúranse en catro voces, dúas de homes, dúas de mulleres, cun acompañamento de música tradicional con gaitas e percusión. Teñen dous discos editados.
Pablo Rial Salgueiro, o seu director, explicou de onde procede o nome da agrupación. A súa orixe parte dunha lenda moi peculiar propia de Vincios, que pon o acento e protagonismo na figura da muller. Na serra da parroquia gondomareña, no Monte da Estoca, existe unha cova chamada “Touba do Brión”. A historia conta que nela vivían unha garza e un bufo real, un pouco folgazán, que estaban namorados e era ela a que se encargaba de saír todos os días a buscar comida a A Ramallosa, mentres que el encargábase de coidar ás crías que tiñan en común.
Este relato ademais é o argumento dunha representación teatral cuxo guión foi elaborado pola ex compoñente do coro, Lucía Cid Cavido, e interpretado polos seus integrantes. “Esta obra estaba centrada nos diálogos que mantiñan a garza e o brión que se representaban cunhas máscaras. Ela é a que leva o protagonismo”, explica Rial. Ademais de toda a posta en escena, practicamente todo o repertorio contaba cunha tradutora en lingua de signos, Patricia Gómez.