O teatro toma o Centro Cultural O Torreiro de Priegue de Nigrán durante todo o mes

Setembro vén cargado de teatro no Centro Cultural O Torreiro de Priegue en Nigrán. Teatro do Ar, a Federación Galega de Teatro Afeccionado, e o Concello de Nigrán organizan un circuíto que traerá catro actuacións de grupos galegos ao auditorio da parroquia todos os sábados do mes, e o primeiro de outubro ás 20:00 horas.

Abre o circuíto este sábado o grupo de teatro de Nigrán, Teatro do Ar, coa súa obra “Un vals para Cincinnati”, un drama que obtivo unha mención de honra nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven que organiza Coca Cola a nivel español. O 18 de setembro será a quenda de Andaravía Teatro (Vedra) coa súa comedia xacobea “Xacovedra”, o día 25 Hipócrita Teatro virá dende Lugo para presentar a súa comedia para todos os públicos “Cásting”, e finalmente Max Teatro chegará dende Ferrol o 2 de outubro para pechar o circuíto coa súa obra “Rutinas”.

O director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, explica que con este circuíto queren “mostrar no noso concello o gran talento que hai no teatro amador galego”, ao tempo de “dinamizar a vida cultural das parroquias de Nigrán”. O alcalde, Juan González, afirma ademais que no Concello “sempre acolleremos e apoiaremos este tipo de iniciativas que sacan a cultura á rúa e axudan a facer estes tempos difíciles máis doados”.

As catro representacións que acolle Nigrán, forman parte dun total de 68 que medio centenar de grupos de toda Galicia realizarán ata final de ano en 17 concellos. Estes circuítos están subvencionados pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.