Noel Martín sobe ao Vigo-Rías Baixas ao podio dos Xogos Paralímpicos

“Aínda non nolo cremos”, indicaba Noel Martín nada máis baixarse do tándem no circuíto de velocidade Fuji Speedway. O corredor do Vigo-Rías Baixas e o seu compañeiro Christian Venge acababan de darlle a España unha medalla de bronce na proba contrarreloxo dos Xogos Paralímpicos de Tokio. O abulense da entidade presidida por José Luis Chamorro atopou este martes en Xapón a recompensa soñada a tantos anos de esforzo.

Non era o seu obxectivo principal nestes Xogos, pero os vixentes campións do mundo en liña aproveitaron a primeira oportunidade sobre o asfalto para subir ao podio. A distancia, a esixencia e un problema mecánico dos seus compañeiros de selección Bellido-Teruel favoreceron ao tándem pilotado pola corredor elite do Vigo-Rías Baixas.

“Viñamos pensando no roteiro, pero o ser unha crono longa xogou ao noso favor, sobre todo, na terceira e na cuarta volta. A xente que vén da pista, pola súa potencia, faiche moi rápido a primeira e a segunda, pero aquí xogábase na última volta a ver quen tiña máis fondo e eu creo que somos dos tándems que temos máis fondo e regulamos súper ben. Non ‘petamos’ en ningún momento e aí estivo a clave”, explica Venge.

“Estamos moi contentos, traballamos moi duro aínda que é verdade que non é unha proba que preparásemos especialmente”, apunta Martín, que tras a súa primeira medalla olímpica xa pensa na carreira de fondo do venres: “Imos ir máis tranquilos, pero a dar moita guerra”.