Gran éxito da Superliga Galicia de Futevolei 2021 na súa etapa final en Nigrán

FOTO: FUTEVOLEI VIGO // Podio final de primeira división da Superliga Galicia.

Esta pasada fin de semana disputouse o torneo final da edición 2021 da Superliga Galicia de Futevolei organizada polo Club Futevolei Vigo. O circuíto autonómico transcorreu durante o verán coas etapas clasificatorias de Vigo, A Guarda e Sanxenxo chegando á súa etapa final no Concello de Nigrán, onde se enfrontaron as mellores parellas da clasificación de primeira e segunda división autonómicas.

As dúas xornadas, 28 e 29 de agosto, transcorreron de maneira inmellorable nun gran ambiente deportivo e familiar, grazas en parte á gran novidade do evento; a primeira edición do campionato “versión kids” da Superliga Galicia de Futevolei, na cal os máis pequenos puideron gozar, durante o domingo no areal de Panxón, compartindo e aprendendo os fundamentos básicos do futevolei por primeira vez.

En primeira división, como campións impuxéronse Diego Ferreira e Adolfo Pérez “Fito” nunha emocionante e disputadísima final fronte a Borja López e Ángel Lago Jr, e o terceiro posto excepcionalmente foi compartido polas parellas semifinalistas Ramón Pérez “Mon” e Iván Regueira “Kova” xunto con Breno López e Jesús Beiro “Suso” nun gran xesto de compañeirismo ao non poder disputarse o terceiro posto debido a unha desafortunada lesión. En segunda división, proclamáronse campións Carlos Lago e Santiago Ballesteros fronte a Daniel Airabella “Aira” e Adrián Rodríguez “Gaucho” nunha final con tinguiduras de primeira, sendo o terceiro posto para a parella formada por Bruno Delavalli “Paquetá” e José Galiño “Galo”.

No torneo kids, o podio estivo composto por Rui e Gabriel en primeira posición, Lucas e Mario como finalistas e nun merecidísimo terceiro posto Gabriel Martínez e Pablo Barcia, pero sen dúbida o verdadeiro gañador foi o ambiente e a diversión co futevolei e a praia como puntos de encontro para as familias e os turistas que se achegaron a gozar do evento animando a todos os participantes coa inestimable axuda da batucada Bate no Cobre.

Desde o club, o presidente Germán Martínez agradece aos concellos implicados, participantes e colaboradores que axudaron a organizar o circuíto o seu apoio e gran traballo, esperando repetir este indubidable éxito o ano que vén e seguir crecendo na promoción e práctica do futevolei que ano tras ano afianza a súa presenza nas praias galegas.