Os partidos volven ao Pavillón de Panxón co CB Nigrán

O CB Nigrán retoma con moitas ganas esta tempada despois de ter que interrompela no pasado mes de xaneiro sen poder comezar sequera a competición e faio cumprindo con todas as medidas sanitarias ANTICOVID marcadas pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Baloncesto. Este protocolo, que cumpre as indicacións dadas pola Xunta, recolle tanto aspectos xerais de volta á actividade como as medidas concretas de actuación para o desenvolvemento dos diferentes adestramentos e partidos.

O Club tivo que realizar un investimento extra para facerse con todo o material ANTI COVID e poder cumprir así con todas as medidas hixiénico sanitarias, tanto nos que se refire a adestradores e xogadores como ao material e as instalacións deportivas utilizadas. A Directiva do club tramitou xa no mes de setembro máis de 120 fichas federativas que se distribúen a través das diferentes categorías, que abarcan desde a categoría baby ata a sénior, conformando un total de 10 equipos.

Esta tempada conta tamén con novos adestradores que traballan coordinados por Nuria Gómez, Directora Deportiva do club, para planificar os diferentes adestramentos, de acordo ás novas circunstancias que obrigan a modificar parte da metodoloxía de traballo. Estes adestramentos comezaron de forma graduada no mes de setembro. Os primeiros en iniciar a actividade foron as categorías infantil, cadete, júnior e sénior, e unha semana despois comezou todo o minibasket, unha vez que se iniciou o curso escolar co fin de facelo de forma coordinada cos centros educativos.

Esta semana recibiron unha noticia máis que esperada, o inicio da competición, que arrancará dentro dunha semana nas pistas do Pavillón Municipal de Panxón, que será a sede dos partidos que se xoguen como locais. Desde o club recalcan a importancia de ter paciencia na adaptación a este novo escenario e de ser conscientes desta nova realidade, pero tamén cren que hai que achegar en positivo, podendo realizar a actividade deportiva coa maior normalidade.

Desde a Entidade Deportiva senten con moita forza para iso, apoiados polas familias, que están a demostrar e transmitindo as ganas de que os seus fillos volvan pisar a cancha, compartindo pista cos seus compañeiros e gozando, tanto a nivel deportivo, como a nivel emocional, un aspecto fundamental para estas idades de formación, e que non debemos esquecer despois do confinamento ao que se viron obrigados.

Volver compartir pista, poder convivir, charlar, interaccionar, competir buscando o afán de superación, esforzarse para mellorar cada día individual e colectivamente, son aspectos fundamentais que van axudar moito aos nenos para superar os momento complicados que, en maior ou menor medida, tiveron que vivir.