
Dende hai unha semana un exemplar de lobo mariño cincento, Halichoerus grypus, está visitando as costas da Ría de Vigo. Este lobo mariño leva dende maio do ano pasado nas nosas costas viaxando de norte a sur. Trátase dunha femia de aproximadamente dous anos de idade, neste momento ten un tamaño de case dous metros e pesa entre 90-100 kg. Habitualmente bota tempadas en mar aberto sen ser localizada que logo alterna con visitas á costa onde adoita saír descansar e durmir nas rochas. Foi en Caión onde, no verán pasado, a nomearon como DOQUI.
QUE FACER
Diante da presenza do lobo mariño DOQUI o único que hai que facer é avisar a 112 ou ao teléfono de coordinación da Rede de Varamentos 686989008, para que rexistren o lugar onde se atopa, e nada máis, deixala o máis tranquila posible. Durante estes días observouse o acoso de bañistas, xente que lle quería dar de comer, botarlle auga e mesmo que a expulsaron do areal. Posiblemente hai boas intencións nestas actuacións mais son innecesarias e mesmo prexudiciais. Darlle tempo e espazo, tranquilidade e nada máis.
QUE NON FACER
Pensar que está enferma ou ferida, salvo que se observen feridas abertas ou lesións graves. Non tocala baixo ningunha circunstancia. Non aproximarse pois os lobos mariños son agresivos en distancias curtas, presenta unha boa defensa de dentes na boca e pode magoar. Non levar cans soltos na praia ou litoral.
EDUCACIÓN AMBIENTAL
Para evitar esta problemática o máis importante é a divulgación e a educación ambiental, da presenza do lobo mariño e das boas actuacións que hai que ter diante del. Só dende unha posición de respecto pode darse un achegamento ao medio mariño e á convivencia coa fauna salvaxe. As situacións máis acuciantes deben ser postas en mans das forzas da orde e denunciadas, entre elas a persecución e o acoso, polo que se recomenda a denuncia na policía local, ou Garda Civil (062) directamente.