Zona Franca realizará un plan estratéxico dos tres concellos do Val Miñor

O Consorcio da Zona Franca poñerá en marcha o desenvolvemento dun plan estratéxico de Nigrán, Gondomar e Baiona e a comarca do Val Miñor. O delegado do Estado, David Regades, asinou hoxe no Parador de Baiona un acordo cos tres alcaldes, para realizar este traballo de análise, que permitirá establecer os mecanismos e a folla de ruta para a toma de decisións que permitan a mellora da competitividade e impulsar actividades que xeren un impacto positivo no crecemento económico, a xeración de emprego e a sustentabilidade a longo prazo.

O traballo comezará cun diagnóstico estratéxico con toda a información e datos obxectivos do municipio e a súa contorna. Non só analizarase a economía, o tecido empresarial e a situación social, demográfica, tecnolóxica ou ambiental, senón tamén a repercusión da crise do covid. A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, áreas económicas e o futuro potencial que teñen os concellos do Val Miñor e a súa repercusión no desenvolvemento económico na súa área.

O plan será participativo, coa visión dos expertos e da economía de Nigrán, Gondomar e Baiona para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, para traer eses exemplos que poidan ser inspiradores.

Con todo iso farase un plan operativo coas actuacións e instrumentos que se deben implementar, coas accións xerais para estes tres municipios e a súa área de influencia. Finalmente poñeranse sobre a mesa as propostas de colaboración, instrumentos públicos ou axudas públicas que se poden poñer en marcha para desenvolver todas as ideas, que serán tamén no ámbito público-privado.

O delegado do Estado, David Regades, precisou que “todo este proceso terá a súa propia folla de ruta para que non quede nun documento, senón que se converta en realidade. Os alcaldes insistíronme que moitos estudos quedáronse no tinteiro, así que se elaborarán unha batería de indicadores para avaliar as accións emprendidas e tomar medidas concretas”. Xunto a todo iso haberá un comité de seguimento desde Zona Franca, onde estará persoal dos concellos, para a supervisión dos traballos.
O alcalde de Nigrán, Juan González, pola súa banda sinalou que “este plan estratéxico é unha oportunidade e agradecemos a Zona Franca este paso para planificar o futuro”. Engadiu que “este plan estratéxico, do que damos hoxe o pistoletazo de saída, hai que traballalo e necesitamos a participación dos cidadáns. En Nigrán estamos moi implicamos cos obxectivos da Axenda 2030 e vainos axudar a conseguilos”.

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, subliñou “a importancia da cooperación entre administracións para avanzar e sacar o máximo proveito das nosas localidades” e mostrou a súa confianza en que o protocolo “permita impulsar moitos novos proxectos en Gondomar e aproveitar as sinerxias existentes entre os concellos do Val Miñor, que sirvan para repuntar a economía e o desenvolvemento dunha comarca que está chamada a converterse nun referente do sur de Galicia e Norte de Portugal”.

Tamén agradeceu o apoio recibido en todo momento pola Zona Franca e o delegado, David Regades, “nun proxecto tan importante como a segunda fase do Polígono da Pasaxe, no que o organismo investirá preto de 30 millóns de euros e permitirá ampliar esta zona industrial ata os 600.000 metros cadrados, xerando miles de novos postos de traballo”. Por último, convidou á Xunta de Galicia a sumarse a este tipo de política de cooperación administrativa “polo ben de Gondomar, o Val Miñor e de toda Galicia”.

Finalmente, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinalou que “estou convencido de que o noso concello e a súa área de influencia está nunha das mellores localizacións do sur de Galicia, polo que considero que este estudo débese realizar dunha forma transversal, na que nos impliquemos os tres concellos da comarca para afrontar un futuro moito máis organizado e optimista onde garantiremos o asentamento empresarial, coa consecuente creación de postos de traballo, garantindo tamén así o asentamento de poboación”. Considera o rexedor que “para todo iso é fundamental contar coa colaboración e cooperación de Zona Franca e do seu delegado, para que este gran proxecto chegue a bo porto. Estou moi ilusionado coa firma deste convenio e coa implicación de Zona Franca”.