O BNG denuncia dificultades en Gondomar para obter o certificado de vacinación ou de ter padecido a COVID

O BNG denuncia as dificultades que están a ter as usuarias do Centro de Saúde de Gondomar para a realización de trámites como a obtención do certificado de vacinación ou de ter padecido a COVID. “A causa, tamén neste caso, volve estar no premeditado deterioro da atención primaria por parte do PP e o goberno de Feijóo”, denuncian desde o BNG.

A reiteradamente denunciada escaseza de persoal do Centro de Saúde para a atención primaria da poboación de Gondomar, sumada á decisión do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) de non cubrir as baixas prolongadas nin as xubilacións, e agravada no verán pola non substitución das vacacións, prexudica gravemente a atención sanitaria e provoca desde hai meses enormes dificultades para as persoas usuarias.

Son varias as persoas que tiveron e están a ter dificultades para obter os certificados de vacinación ou de ter pasado a enfermidade, dándose o caso de que algunhas persoas non obtiveron o certificado até dous meses e medio despois de ter recibido a alta médica, o que lle significou non telo no momento en que o precisou.

Mais hai usuarios que seguen sen poder ter este certificado, malia ter pasado un tempo similar desde a alta, persoas que, unha vez que contactaron co teléfono 900 da COVID 19, recibiron a información de que o problema derivaba da imposibilidade de seguimento médico durante a enfermidade, ao non ter médico titular nin quen o substituíse, o que lles provoca o prexuízo de non poder obter o certificado médico.

Á sobrecarga de traballo que xa viña padecendo o persoal da atención primaria con anterioridade á pandemia, fóronlle engadindo tarefas propias da Covid: diagnóstico, seguimento, illamento, identificación, funcións de rastrexo e agora, por riba, as relacionadas cos certificados de vacinación ou de ter pasado a enfermidade. Todas esas xestións sumadas ás derivadas da atención telefónica e do incremento da carga burocrática, tradúcese en teléfonos colapsados, persoal administrativo e de servizos xerais ao límite, soportando o conxunto unha presión enorme na xestión e na atención.

O BNG segue a esixir do SERGAS a restitución da atención presencial co persoal e as medidas de prevención de contaxios propios dunha atención digna, a activación de protocolos claros e unificados para a atención sanitaria, o incremento do número de profesionais con contratos dignos e do orzamento destinado á atención primaria en 200M€, como accións inmediatas para activar a atención presencial e rematar coas listas de agarda e coa precariedade neste servizo.