Os participantes do proxecto Vincúlate visitan o parque canino do paseo Monte Boi

O pasado martes e dentro das actividades levadas a cabo no proxecto Vincúlate, os participantes recibiron a visita do Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e da concelleira de Servizos Sociais, Conchy Vara, que aproveitaron a ocasión para facerlles entrega dunhas camisetas. Con tal motivo os rapaces e rapazas dos tres grupos xuntáronse para pasear aos cans e visitar con eles o parque canino situado no paseo Monte Boi, onde tiveron ocasión de realizar varias actividades.

Dentro do proxecto os participantes están traballando técnicas de adestramento básico cos cans ao tempo que lles dan a oportunidade de visibilizalos para tratar de conseguir unha adopción responsable. Con este mesmo fin, a semana pasada tanto os rapaces e rapazas como os cans, participaron nunha sesión fotográfica conxunta realizada polo estudo de fotografía Ño, que quixo colaborar co proxecto.

“Nos 5 meses que leva en marcha o proxecto xa se conseguiron 6 adopcións, moitas delas fóra do noso municipio, o que nos dá unha idea do seu alcance”, resalta o alcalde, que di sentirse moi orgulloso tanto do traballo realizado por parte dos participantes no proxecto como dos distintos colaboradores que, na medida na que poden, aportan ao proxecto non só a oportunidade de medrar senón tamén axudan a inculcar nos rapaces e rapazas valores tan importantes como son o traballo en equipo, o altruísmo, o cooperativismo…

Despois dunha demanda feita polos participantes, o alcalde adquiriu o compromiso de que o proxecto continuará no ano 2022. O alcalde comentou tamén que hai outras actividades previstas ata o mes de decembro das que se irán informando.