Nigrán ofrece a segunda edición do “Parrulas Fest” con dez compañías de toda Galicia e unha andaluza

O Concello de Nigrán ofrece desde o mércores 18 ao sábado 21 a segunda edición do Parrulas Fest no esteiro de A Foz da Ramallosa, festival producido desde a cooperativa Charlatana e dirixido a público infantil e familiar. Nesta ocasión, a cita presentada esta mañá na propia localización contará con dez das mellores compañías galegas de artes escénicas (maxia, circo, acrobacias, teatro e outras disciplinas) e coa maga, actriz e show-woman xerezana Lola Mento como artista convidada desde Andalucía. Todas as actuacións serán a partir das 20:00 horas (a maiores as dúas de venres e sábado ao mediodía para primeira infancia) e, coma no 2020, contará con aforo limitado e demais medidas de seguridade Covid-19.

“O ano pasado estreamos Parrulas con gran éxito e pese a todas as circunstancias adversas porque consideramos que as crianzas non debían esperar máis tempo sen actividades propias despois dun confinamento especialmente duro no seu caso, este é o seu festival e vén para quedarse, agardamos que no 2022 sexa xa sen restricións”, desexou o alcalde, Juan González.

Como novidade, nesta ocasión haberá dúas actuacións ao mediodía pensadas especialmente na primeira infancia, sendo o venres a cargo de “A tropa de trapo” co seu espectáculo “Barquiño de pau” e o sábado O Mago Paco con “Patapatún Tun Tun”. Ademais, o festival destaca tamén polo seu compromiso social ao acoller o sábado 21 unha gala solidaria a favor de Pallasos sen Fronteiras conducida por Peter Punk, nome artístico de Isaac Rodríguez, nigranés e socio fundador á súa vez da cooperativa Charlatana e vicepresidente da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia. O fin é que o recadado mediante a “gorra solidaria” dos artistas participantes vai directamente a esta entidade que traballa a nivel nacional e internacional a favor da infancia máis desfavorecida co obxectivo de mellorar a súa situación emocional.

“Regresamos cunha programación moi variada e coidada na que destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega”, destaca Isaac Rodríguez, quen ten como obxectivo “situar a Nigrán no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia”.

Así, Parrulas Fest arrancará o mércores 18 con Brais das Hortas (“Contos para caghar patatillas”) e Patty Diphusa (“Superharte”); xoves con Asacocirco e Circanelo; venres con Tropa de Trapo a mediodía e, na sesión vespertina, con Duende Circo (“Pallaso Total”) e Pajarito (“Isolada”) e, finalmente, sábado con O Mago Paco a mediodía e pola tarde Lola Mento e a gala a favor de Pallasos sen Fronteiras.