“A falta de previsión do alcalde de Gondomar obriga aos clubs de fútbol a buscarse a vida para poder adestrar”

Paula Bouzós acusa ao alcalde de Gondomar de obrigar aos clubs de fútbol a buscarse a vida para atopar campos onde realizar os adestramentos cara a vindeira temporada, debido ao retraso na adxudicación das obras de cambio do céspede artificial do campo municipal de As Cercas.

O cambio de céspede do campo de As Cercas foi demandado polo PP de Gondomar nunha moción defendida no pleno de setembro do ano 2019 que foi aprobada coa abstención do grupo socialista. Non foi ata xaneiro deste ano cando o alcalde levou a pleno unha modificación orzamentaria que incluía esta obra e que foi aprobada por unanimidade. “Dende xaneiro tivo o alcalde todo o tempo do mundo para facer todos os trámites necesarios para levar a cabo a obra, pero non foi ata xuño cando solicitou os permisos necesarios, logo de que o PP gondomareño llo reclamara nas preguntas presentadas no pleno de maio, preguntas que seguen sen ser contestadas”.

Paula Bouzós recorda que “noutra moción presentada por mor da obriga da retirada dos valos publicitarios dos campos municipais o alcalde dixo que as obras faríanse cando rematara a tempada e antes do comezo da seguinte para non interferir na actividade dos clubs que usaban este campo. Unha vez máis Paco Ferreira volveu mentir ao pleno e aos veciños de Gondomar, algo que por desgraza acostuma a facer cada vez con máis frecuencia”.

A pesar de ter todas as autorizacións pertinentes, non foi ata finais de xullo cando o alcalde quitou a licitación as obras, mes no que teríanse que estar executando, coincidindo co descanso dos xogadores. Por iso, agora as obras non comezarán ata mediados de setembro como moi cedo, polo que os clubs teñen que buscar alternativas noutros campos da contorna para poder adestrar e disputar os partidos de competición, xa que a duración das obras será de seis semanas.

“O goberno municipal como sempre actúa tarde e a correr e as consecuencias as pagan os veciños de Gondomar, neste caso os rapaces que xogan nos clubs de fútbol e os seus pais que teñen que desprazarse fóra de Gondomar para levar aos seus fillos aos adestramentos”, denuncia Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.