Baiona recibe a alumnos do sueste asiático con motivo da posta en marcha do Campus Residencial Universitario

O alcalde, Carlos Gómez, xunto con Marcos Comesaña e Carlos Quintás, presidente e vicepresidente respectivamente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona, recibiron a alumnos procedentes de Indonesia, Malaisia, Filipinas e India. A recepción produciuse con motivo da finalización do curso académico que os alumnos cursaron na Universidade de Vigo. Ata a data estes mozos aloxábanse noutras cidades fóra da Vila pero, grazas á posta en marcha de proxecto Baiona Campus Residencial, preténdese que nun futuro próximo parte destes estudantes procedentes na súa maioría de países tan afastados como os citados opten por Baiona como lugar de residencia mentres cursan os seus estudos no CUVI.

Carlos Gómez destacou as moitas vantaxes que a vila ofrece aos estudantes tales como, proximidade ao CUVI, a tan só 30 minutos en liña directa en autobús por autoestrada e gratis para os menores de 21 anos, sinalou tamén a proximidade de todos os servizos como son centro de saúde, pavillón deportivo, biblioteca, restaurantes, comercios, ademais da proximidade das praias, montes para práctica de sendeirismo, actividades náuticas, etc. “Pretendemos que nun futuro próximo, grazas ao proxecto Campus Residencial, Baiona sexa un referente entre a comunidade universitaria como lugar de residencia mentres cursan os seus estudos na Universidade de Vigo”, sinalou Gómez.

Comesaña e Quintás, representantes dos empresarios, puxeron en valor a importancia de “divulgar polo mundo e sobre todo entre a comunidade estudantil e docente” as virtudes e vantaxes de residir nunha Vila tan fermosa como é Baiona mentres se cursan os estudos universitarios. No acto tamén estivo presente Gonzalo Martínez, xerente da empresa Campus Spain, cuxa función é traer alumnos de latitudes afastadas a cursar estudos na Universidade de Vigo. Inicialmente estaba prevista a visita de máis dunha trintena de estudantes pero, debido á pandemia e por razóns protocolarias de desprazamento, víronse forzados a adiantar a viaxe aos seus lugares de orixe.