Ribera Povisa renova o certificado AENOR que avala os seus protocolos establecidos fronte ao Covid

Ribera Povisa obtivo en xullo a recertificación de AENOR polos seus protocolos fronte ao Covid, un ano despois de ser o primeiro hospital galego en lograr este selo.“Estamos moi orgullosos desta certificación porque nos obrigou a reordenarnos e avaliar o impacto da pandemia en todos os aspectos, non só na saúde dos nosos pacientes e dos nosos profesionais, senón tamén na continuidade da atención en todos os ámbitos”, explicou Valle Quintela, responsable da Unidade de Calidade.

Ao longo dos últimos doce meses, a acreditación foi sometida a revisións de seguimento de maneira trimestral para certificar tanto as áreas de atención hospitalaria como as estancias ambulatorias, as consultas externas ou Urxencias.

Así, esta acreditación garante que os diferentes procedementos postos en marcha para a prevención da transmisión do virus no centro son efectivos e están deseñados e implementados de acordo coas medidas establecidas polo Ministerio de Sanidade e outros organismos en materia de prevención e hixiene.

“A crise sanitaria irrompeu en 2020 nun momento no que as nosas prioridades eran o paciente sen dor, cero infeccións ou a redución nos tempos de atención. Nese momento o sistema de xestión cambiou porque nos obrigou a redistribuílo todo e crear novos circuítos asistenciais, por exemplo.

Durante este último ano estivemos constantemente avaliando e poñendo solucións para retomar a normalidade no hospital, algo que estamos a conseguir porque, por exemplo, as probas de radiodiagnóstico que se atrasaron ao comezo da pandemia xa están desde hai meses na programación normal previa ao Covid”, indica. “Fíxose un enorme esforzo durante todos estes meses”, engade Quintela.