Podemos Nigrán denuncia a carencia de efectivos no actual persoal da Policía Local

Podemos Nigrán manifesta a falta de previsión e cumprimento co emprego público e coa seguridade cidadá dada a situación actual de falta de efectivos no corpo da Policía Local. Actualmente, o persoal está formado por 14 policías, 8 auxiliares, 1 oficial e 1 inspector xefe, nun municipio de preto de 18.000 habitantes censados e que en época estival ve sensiblemente aumentada a súa poboación, este número de funcionariado está moi por baixo da cociente recomendada por número de habitantes.

“A falta de recursos humanos afecta á cobertura das tarefas deste departamento, chegando a estar de servizo tan só unha patrulla por quenda para todo o municipio ou tendo que reducir drasticamente o horario de atención o público. Este número de efectivos podería verse incrementado pola existencia de 5 postos vacantes, pero a desidia e mala xestión que demostra o Goberno Local afecta directamente á renovación e reforzo do persoal deste departamento”, afirman desde a formación morada.

Podemos Nigrán opina que esta situación que se está a dar, xunto coa política de permisividade do equipo de goberno, apoiando ou fomentando actividades sen ningún tipo de control, está a crear unha sensación de desorde entre a veciñanza, polo que esixen ao Alcalde que se faga cargo das súas responsabilidades. Por último, sinalan e agradecen o esforzo e a responsabilidade demostrada polos Policías Locais do concello por tentar garantir a prestación do servizo a conta de non gozar do seu descanso.